O BNG presenta 50 medidas para facer das políticas feministas unha prioridade no Concello de Vigo
A fronte nacionalista comprométese a recoller a consigna das masivas mobilizacións feministas para “pasar dos discursos aos feitos” con máis medios e actuacións concretas
Xabier P. Igrexas, candidato á Alcaldía: “Un BNG determinante a partir do 28M seremos a garantía de que Vigo volva ser un referente en políticas de igualdade máis alá do retórico”
Ana Martínez, candidata nº2: “Propoñemos duplicar, desde xa, os recursos que o Concello destina a políticas de igualdade e dotar de máis persoal e medios a concellaría”
Elsa Quintas, candidata nº4: “A política municipal debe centrarse en combater a violencia machista de forma preferente”
O Bloque Nacionalista Galego presenta 50 medidas no seu programa electoral para facer das políticas feministas unha prioridade do Concello de Vigo. A fronte nacionalista comprométese a recoller a consigna das masivas mobilizacións feministas, que fixeron da cidade un referente na loita contra o machismo, para “pasar dos discursos aos feitos” con máis medios e actuacións concretas.
“Esta consigna nos interpelaba de maneira tan clara como rotunda sobre a urxencia de pasar dun feminismo declarativo a un feminismo efectivo nos feitos, para combatermos todas as violencias machistas e avanzarmos cara unha igualdade real entre mulleres e homes, tamén desde a acción local”, defendeu o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que compareceu este xoves xunto coa número 2 da lista nacionalista, Ana Martínez, e a número 4, Elsa Quintas, acompañadas de mulleres da candidatura do Bloque.
Igrexas asegurou que un BNG “determinante” a partir do vindeiro 28 de maio será a “garantía” de que Vigo volva ser un “referente en políticas de igualdade máis alá do retórico”. O candidato nacionalista reafirmou o compromiso da súa alternativa política con despregar a nivel municipal unha perspectiva feminista de maneira transversal, que sitúe a igualdade no “centro da axenda política” do Concello de Vigo.
Duplicar os recursos de igualdade
Nese sentido, a candidata número 2 do Bloque, Ana Martínez, propuxo duplicar “desde xa” os recursos que o Concello destina a políticas de igualdade, así como dotar a concellaría de Igualdade de máis persoal e medios para “multiplicar” a súa capacidade de acción. Para conseguilo, asegurou, é necesario actualizar a través dun proceso realmente participativo o Plan Municipal de Igualdade.
Martínez asegurou que as propostas das nacionalistas perseguen 4 grandes obxectivos: promover a igualdade real que efectivice na práctica os dereitos formais, avanzar cara a corresponsabilidade nas tarefas de coidados, impulsar o emprego e o benestar das mulleres e loitar contra a violencia machista.Ana Martínez: “Non queremos máis brindes ao sol, nin máis lugares comúns, nin máis falsos consensos. As viguesas queremos e merecemos un Concello que practique o feminismo nos feitos”
No relativo aos coidados, a candidata número dous apostou por poñer en marcha un Plan municipal de apoio aos coidados, dotado con como mínimo un millón de euros anuais, para que “deixen de ser unha tarefa e un segundo traballo das mulleres”. Ademais, propuxo despregar un Plan de choque contra o desemprego feminino para combater o actual contexto, con 1.700 mulleres menos traballando na cidade das que había antes da pandemia.
O combate da violencia machista, unha preferencia
Do medio centenar de propostas en materia feminista, o BNG dedica unha parte importante das mesmas ao combate da violencia machista. “A política municipal debe centrarse en combater a violencia machista de forma preferente, na medida en que esta converte todas as mulleres, é dicir, a metade da poboación, en vítimas potenciais”, afirmou a candidata número 4, Elsa Quintas.
Nesa liña, propuxo mellorar as actuais infraestruturas, avanzar na formación de voluntariado específico para traballar coas vítimas en colaboración coas asociacións de mulleres, implementar un plan de coordinación dos recursos e o desenvolvemento de campañas de sensibilización, con especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade como as mulleres prostituídas.
Elsa Quintas: “A muller agredida debe sentir que se poñen en marcha protocolos e mecanismos públicos para protexela do perigo, de que detrás das declaracións institucionais hai recursos reais que responden ás súas necesidades vitais”
Quintas chamou tamén a ofrecer apoio psicolóxico especializado ás fillas e fillos de mulleres que sufriron a violencia machista porque “son tamén vítimas do clima de terror”. E diante o incremento de casos de violencia sexual, tanto en menores como en adultas, considerou “fundamental” despregar un plan de acción específico.