O BNG propón unha convocatoria extraordinaria do ‘cheque social’ diante do aumento da pobreza en Vigo
A fronte nacionalista demanda un incremento dos recursos en política social para converter o Concello nun “verdadeiro parapeto” fronte a suba descontrolada dos prezos e o aumento do empobrecemento nun 10% na cidade.
Chama a ampliar a partida orzamentaria das Axudas de Emerxencia para Familias até os 4 millóns de euros para aumentar as contías e alargar o número de beneficiarias.
Xabier P. Igrexas: “Humanizar de verdade pasa por protexer ás máis vulnerábeis”
O Bloque Nacionalista Galego propón unha convocatoria extraordinaria do denominado como cheque social diante do aumento da pobreza en Vigo. A fronte nacionalista demanda ao goberno de Abel Caballero que aumente os recursos e as axudas municipais para enfrontar o aumento “descontrolado” dos prezos e os recortes “infames” da Xunta en política social.
“É momento de alargarmos de maneira decidida os esforzos municipais para despregarmos un verdadeiro parapeto social desde o Concello de Vigo, que protexa á maioría social que representan as clases populares e traballadoras”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu dun aumento do 10% no nivel de pobreza na cidade.
Por este motivo, Igrexas chamou ao Goberno local do PSOE a iniciar de inmediato os trámites para a convocatoria extraordinaria das Axudas de Emerxencia para Familias, o coñecido como cheque social, cunha partida orzamentaria de mínimo 4 millóns de euros. Ademais, pediu que se adapten as bases para acceder a estas axudas co obxectivo de chegar ao maior número de persoas beneficiarias e ofrecer contías “dignas” como paliativo ante a situación de crise.
“Non abonda con fachendear con axudas puntuais e pequenos esforzos, senón de poñer en marcha todas as capacidades e os recursos do Concello de Vigo para enfrontar a emerxencia social”, salientou Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista lembrou que a cidade ten hoxe 54 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza. “Somos a cidade galega onde o empobrecemento ten aumentado máis nos últimos meses, cunha renda familiar 180 euros inferior á media galega”.
O concelleiro do BNG acusou neste sentido á Xunta de aplicar recortes “infames” en política social, coa supresión “inaceptábel” da Tarxeta Básica e mantendo unha Risga “insuficiente para garantir a subsistencia material e que segue a ser incompatíbel co Ingreso Mínimo Vital pola teimosía do PP”.
Aumento do 30% na cesta da compra
Igrexas sinalou o incremento “disparado” da inflación como causa fundamental deste incremento da pobreza en Vigo, cunha cesta da compra que incrementou máis do 30% o prezo de produtos e alimentos básicos. Así, o custo da bombona de butano aumentou un 33%, os carburantes un 47% e o recibo da luz “que comeza a se converter nunha especie de luxo inasequíbel para a maioría social”.