O BNG de Vigo reclama que a reforma do parking do Náutico non arrase cos xardíns de Montero Ríos
A fronte nacionalista demanda ao Consorcio da Zona Franca que a prolongación do aparcamento soterrado non supoña ningún risco para este espazo natural
Xabier P. Igrexas: “Esiximos garantías de que esta obra non vai acabar nun novo episodio de arboricidio na cidade de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego reclama garantías de que a prolongación do actual aparcamento robotizado do Náutico non vai “arrasar” cos xardíns de Montero Ríos. A fronte nacionalista anuncia que se vai dirixir ao Delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, para que se comprometa a que as obras de ampliación do estacionamento soterrado non teñan consecuencias sobre este espazo natural.
“Demandamos garantías de que a remodelación do parking non se traduza no arrase da superficie axardinada nin ningún tipo de dano contra o arboredo”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que destacou estes xardíns como “un dos principais ámbitos verdes que temos á beira da liña costeira en pleno corazón da nosa cidade”.
Igrexas asegurou que esta obra, cun custo estimado de 1,6 millóns de euros financiados pola Zona Franca, “admite discusión” sobre a necesidade de ampliar o aparcamento soterrado cara os xardíns de Montero Ríos, así como pola futura xestión privatizada do mesmo.
“O que non pode supoñer é ningún risco para a continuidade dese espazo natural”, salientou o concelleiro do BNG de Vigo
O edil nacionalista pediu a Regades que garanta que o proxecto “non vai acabar nun novo episodio de arboricidio en Vigo”, en relación aos numerosos casos de tallas de árbores por parte do Goberno municipal durante os últimos meses a conta das obras de humanización de diferentes rúas da cidade.