O BNG urxe axilizar a chegada da alta velocidade a Vigo ante os novos atrasos na Saída Sur e nos trens Avril
A fronte nacionalista afea as continuas “escusas” do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos para xustificar as demoras no estudo para a conexión ferroviaria con Portugal
Néstor Rego: “Estamos diante dunha continua improvisación e dilación de prazos para unha infraestrutura fundamental para Vigo, a súa comarca e o conxunto da Galiza”
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que liderar unha resposta enérxica en termos de cidade en lugar de lamber botas dos seus dirixentes en Ferraz que incumpren con Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego urxe axilizar a chegada da alta velocidade a Vigo ante os novos atrasos na Saída Sur e na posta en marcha dos novos trens Avril. A fronte nacionalista afea as “escusas reiteradas” do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos para xustificar as demoras nunha conexión “chave e irrenunciábel” para a cidade, a súa comarca e o conxunto de Galiza.
O portavoz e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou a “continua improvisación” do Ministerio de Transportes, que vén de anunciar a ampliación de dous meses no prazo de licitación do estudo informativo para a conexión ferroviaria con Portugal. “Non se pode argumentar unha cuestión de seguranza xurídica cando se levan tantos anos con esta cuestión e cando hai un estudo de alternativas que tiña que estar xa finalizado”, lamentou Rego.
O deputado nacionalista reclamou que o Goberno estatal “cumpra dunha vez” con Galiza ante a permanente dilación de infraestruturas e servizos ferroviarios
Nese sentido, chamou a poñer fin ás continuas mudanzas de data para a chegada dos trens Avril, comprometidos primeiro para 2022, logo para o primeiro trimestre de 2023, posteriormente en maio e agora para principios de outono, segundo afirmou a secretaria de Estado, Isabel Pardo de Vera.
“Abonda de escusas e promesas incumpridas”
Na mesma liña, o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou que “xa abonda de escusas e demoras, de calendarios de ir e vir e de promesas reiteradamente incumpridas” coa conexión estratéxica de alta velocidade.
Esixiu así que o alcalde, Abel Caballero, se poña á fronte desta demanda e “lidere unha resposta enérxica en termos de cidade en lugar de lamber botas dos seus dirixentes en Ferraz que incumpren con Vigo”
O portavoz municipal nacionalista insistiu na necesidade de compromisos “reais e efectivos” para facer realidade a Saída Sur “canto antes”, lembrando que o Executivo de Pedro Sánchez tan só incorporou unha partida de menos de 30 mil euros nos Orzamentos Xerais do Estado de 2023 para esta infraestrutura. “Abel Caballero ten que defender de verdade os intereses de Vigo en vez de utilizar as distincións da cidade, como fixo coa Medalla de Ouro a Pardo de Vera, para premiar os incumprimentos do Goberno español encabezado polo seu partido”.