O BNG de Vigo pide rematar coas demoras na tramitación de axudas sociais e subvencións a asociacións
A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal que convoque estas partidas no primeiro trimestre de 2023 diante das importantes dilacións rexistradas en anos anteriores
Xabier P. Igrexas: “Non pode ser que o Concello de Vigo, cun orzamento millonario, incumpra os seus prazos convocando tarde e resolvendo e pagando con maior demora”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo insta ao Goberno municipal de Abel Caballero a axilizar a tramitación das axudas sociais e das subvencións a entidades sen ánimo de lucro, diante das importantes dilacións rexistradas en anos anteriores. A fronte nacionalista urxe convocar estas partidas no primeiro trimestre de 2023 para evitar o “grave prexuízo” destas demoras tanto para o tecido asociativo como para as persoas en situación de vulnerabilidade social.
“Non pode ser que o Concello de Vigo, que conta con recursos folgados e cun orzamento millonario, incumpra os seus propios prazos administrativos, convocando tarde e resolvendo e pagando aínda con maior demora”, advertiu o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que estes recursos son “esenciais” para o funcionamento e a actividade de entidades de carácter cultural, veciñal, deportivo ou as Anpas, entre outros.
No mesmo sentido, Igrexas chamou a axilizar a tramitación das axudas sociais municipais. “Non podemos volver acudir un ano a unha tramitación escandalosamente tan demorada como a que se viviu, por exemplo, na xestión das axudas para comedores”, salientou.O edil nacionalista asegurou que estes atrasos supoñen “estrangular economicamente” ás asociacións sen ánimo de lucro da cidade que, en moitos casos, están a “compensar déficits da xestión municipal asumindo tarefas que debería desenvolver o propio Concello de Vigo”
Así, o candidato do BNG apelou ao goberno de Caballero a actuar con “máis xestión e menos propaganda, publicidade e autobombo” para facilitar a tramitación destas subvencións e axudas.