O BNG de Vigo reclama facilitar a consulta e as alegacións veciñais na actualización do Inventario do Concello
A fronte nacionalista pide alargar o período de exposición pública, habilitar un visor web e canles de asesoramento para tramitar coa “máxima transparencia” os 21 mil cambios previstos sobre o actual inventario do ano 2001
Xabier P. Igrexas: “Unha cuestión deste calado, e coa complexidade técnica que ten, merece que a veciñanza poida ser efectivamente informada e exercer os seus dereitos”
O Bloque Nacionalista Galego reclama facilitar a consulta e as alegacións veciñais durante o proceso de actualización do Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Vigo. A fronte nacionalista pide alargar o período de exposición pública, habilitar un visor web e canles de asesoramento para tramitar coa “máxima transparencia” os 21 mil cambios previstos sobre o actual inventario do ano 2001.
“Trátase dunha cuestión de enorme importancia porque, entre outras cuestión, define que viais e espazos son de titularidade pública e cales non, o que ten consecuencias importantes para a veciñanza a nivel urbanístico e de mantemento”, salientou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que anunciou un voto particular das nacionalistas para que se incorporen estas cuestións na proposta que será debatida e votada no Pleno municipal da próxima semana.
O concelleiro do Bloque advertiu de que unha actualización deste calado e con esta complexidade técnica “merece que a veciñanza poida ser efectivamente informada e exercer os seus dereitos”. Cuestionou nese sentido que o Goberno municipal pretenda fixar tan un só mes para o período de exposición pública cando o proceso de actualización do Inventario se demorou unha década, polo que chamou a alargar este prazo até como mínimo tres meses.
Demandou que o período de exposición pública inicie cando se habilite un visor web que permita consultar con facilidade os cambios que lle afectan a calquera veciña e veciño, sen obrigalos a revisar un expediente de 4.465 páxinas
Na mesma liña, pediu que o Concello facilite canles de asesoramento técnico, tanto presenciais como telefónico, para aclarar as posíbeis dúbidas e dar asistencia no proceso de alegacións veciñais.