O BNG reclama as competencias para que Galiza decida sobre a súa pesca e non a 600 quilómetros en Madrid

A fronte nacionalista comprométese a defender no Congreso a redución do IVE para os productos do mar, a bonificación do combustíbel dos barcos pesqueiros e poñer freo á ameaza da eólica mariña

Brais Ruanova: “Este 23 de xullo é unha grande oportunidade para, cun Grupo Galego forte en Madrid, blindar o presente e o futuro deste sector chave para a área de Vigo”

Ana Miranda: “O BNG dicimos alto e claro que van contar coa nosa rotunda oposición en Madrid, en Galiza e en Bruxelas ante os intentos de destrución da frota galega”

O BNG reclama as competencias para que Galiza decida sobre a súa pesca e non a 600 quilómetros en Madrid

O Bloque Nacionalista Galego reclama as competencias para que Galiza decida sobre o seu sector pesqueiro e non a 600 quilómetros en Madrid. Así o defendeu este xoves o candidato vigués do BNG ao Congreso, Brais Ruanova, que puxo en valor a importancia de que Galiza conte con soberanía sobre o seu mar diante do peso e importancia deste sector na economía do País.

“Debe ser Galiza quen negocie os tratados de pesca con terceiros e quen teña as competencias sobre o noso mar”, afirmou Ruanova dende o porto de Vigo, acompañado da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dos tamén candidatos Ramón Nicolás (Senado) e Nuno Galán (Congreso), da deputada no Parlamento galego, Carmela González, e do portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.

O candidato nacionalista afeou que as decisións tomadas dende Madrid e Bruxelas nos últimos anos están ameazando seriamente ao sector, como a prohibición da pesca de arrastre, a redución das cotas e a “ameaza” actual da eólica mariña. “Un escenario no que a día de hoxe Galiza ten a metade de frota que hai 10 anos e cun sector tocado con miles de postos de traballo en risco”, advertiu, lembrando que só na área de Vigo representa 32 mil empregos directos e indirectos.

Ruanova puxo en valor o traballo desenvolvido na última lexislatura polo deputado do BNG, Néstor Rego, defendendo aos traballadores e traballadoras do mar con avances como garantir o dereito a voto do persoal embarcado, a elaboración dun “necesario” catálogo de enfermidades profesionais específicas para o sector e de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas.

“Mais o BNG non nos conformamos, e vemos este 23 de xullo como unha grande oportunidade para, cun Grupo Galego forte en Madrid, blindar o presente e o futuro deste sector chave para a área de Vigo”, apostou Ruanova. Entre os obxectivos das nacionalistas, comprometeuse a traballar no Congreso pola redución do IVE para os productos do mar, a bonificación do combustíbel dos barcos pesqueiros e poñer freo á ameaza da eólica mariña.

Oposición á destrución da frota galega

Na mesma liña, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, chamou a ter unha voz forte en Madrid para defender os intereses da pesca galega fronte ao abandono das forzas estatais. Así, lembrou que as “drásticas” decisións tomadas en Bruxelas non contaron cunha oposición firme. Afeou nese sentido as declaracións do Comisario europeo de Pesca durante o Consello informal de ministros da Unión Europea celebrada nos pasados días en Vigo.

“Un Consello que non adoptou ningún tipo de decisión, que tivo tomada a cidade e cun Comisario que non se dignou en visitar os portos, nin as zonas de marisqueo nin aos sectores afectados”, lamentou Miranda, que advertiu de que o obxectivo de destrución da frota galega, diante da negativa europea a abrir vías de financiamento para modernizala, contará cunha rotunda oposición do BNG en Madrid, en Galiza e en Bruxelas.

“Hai moitos temas nos que o Estado puido intervir e deixou tirado ao sector pesca na área de Vigo”, criticou a eurodeputada nacionalista, que chamou este 23 de xullo a apostar polo BNG como garantía na defensa do mar galego.

O BNG reclama as competencias para que Galiza decida sobre a súa pesca e non a 600 quilómetros en Madrid