O BNG esixe a Caballero e Rueda que cesen na lea partidista e se reúnan para poñer fin ao abandono de Vigo pola Xunta

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato á Alcaldía do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo

A fronte nacionalista acusa ao alcalde e ao presidente da Xunta de antepoñer as súas estratexias electorais aos intereses da cidade, paralizando así numerosos proxectos

Xabier P. Igrexas: «É evidente que nin Rueda nin Caballero teñen o máis mínimo interese en materializar un encontro fundamental para recuperar a colaboración institucional»

O BNG esixe a Caballero e Rueda que cesen na lea partidista e se reúnan para poñer fin ao abandono de Vigo pola Xunta

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cesen na lea partidista e convoquen unha reunión que poña fin ao abandono de Vigo por parte do Goberno galego. A fronte nacionalista acusa a ambos mandatarios de antepoñer as súas particulares estratexias electorais aos intereses da cidade, paralizando así numerosos proxectos e investimentos.

«É urxente que cesen nese xogo disparatado de canto peor mellor, que deixen de utilizar ás viguesas e vigueses como reféns das súas leas electoralistas», reclamou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en relación aos continuos atrancos de ambas partes para celebrar un primeiro encontro institucional entre o novo presidente da Xunta e o alcalde da maior cidade de Galiza.

Igrexas recriminou a actitude de Caballero e Rueda coa que, asegurou, só perde Vigo

«Resulta evidente que ningún ten o máis mínimo interese en materializar un encontro, que é fundamental para recuperar a colaboración institucional e poñer fin á política de total abandono que a Xunta do PP leva aplicando en contra da cidade nos últimos 12 anos», censurou o edil nacionalista.

A respecto do presidente da Xunta, afeou a condición de que participe a candidata do PP á Alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias, que valorou como unha coartada para xustificar a non celebración da xuntanza. «Non ten ningún sentido impoñer a presenza de Fernández-Tapias, por máis que intente compatibilizar de maneira aberrante a súa candidatura xunto co papel de delegada territorial da Xunta en Vigo», reprochou.

No mesmo sentido, cuestionou que o alcalde «invente cada día novas escusas para evitar o encontro» que, a xuízo das nacionalistas, é imprescindíbel para asegurar que o Goberno galego exerza dunha vez as súas competencias na cidade, desbloqueando decenas de proxectos e investimentos comprometidos e fundamentais para Vigo. 

O BNG esixe a Caballero e Rueda que cesen na lea partidista e se reúnan para poñer fin ao abandono de Vigo pola Xunta