O BNG de Vigo denuncia a ausencia “inxustificada” de Caballero no Pleno e o incumprimento do regulamento
A fronte nacionalista esixe explicacións pola falla de constancia de comunicación previa do alcalde para non acudir á sesión plenaria
O segundo tenente de alcalde alega que a ausencia do rexedor está motivada de forma xenérica por “outras ocupacións”, diante dunha cuestión de orde formulada polo concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a ausencia “inxustificada” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, na sesión do Pleno municipal celebrada este mércores.
A fronte nacionalista vén de rexistrar un escrito para esixir explicacións a esta ausencia, que non foi comunicada nin motivada previamente, como é preceptivo segundo o Regulamento Orgánico do Pleno (ROP), e polo relevo na presidencia por parte do segundo tenente de alcalde, Javier Pardo, en lugar da primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, como marca o regulamento.
Ante unha cuestión de orde formulada polo concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, a presidencia do Pleno alegou que a ausencia estaba motivada xenericamente “noutras ocupacións” que impedían asistir ao rexedor.
Igrexas cualificou esta ausencia como “unha inaceptábel falla de respeito ao Pleno da Corporación Municipal como máximo organismo democrático e representativo da vontade popular das viguesas e dos vigueses”.