O BNG esixe rectificar a “censura” nas declaracións de patrimonio das e dos edís do Concello de Vigo

A fronte nacionalista tacha de “insólito” que as declaracións publicadas, con case ano e medio de atraso, omitan as contías dos produtos bancarios e o valor das propiedades
Xabier P. Igrexas: “Non sabemos que se pretende esconder, pero os concelleiros e a concelleira do BNG nada temos que ocultar”
O Bloque Nacionalista Galego esixe rectificar a “censura” nas declaracións de intereses económicos, bens e dereitos patrimoniais das e dos edís do Concello. A fronte nacionalista tacha de “insólito” que as declaracións publicadas, con case ano e medio de atraso dende o inicio do mandato, omitan as contías dos produtos bancarios e o valor das propiedades como si reflectían en anteriores exercicios.
Así o denunciou este martes o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen asegurou que esta información si se recolle no formulario oficial que ten que cubrir cada concelleiro e concelleira. “Non entendemos cal é o motivo para que se censuren eses datos, evitando que sexan coñecidos pola veciñanza”, lamentou, após demandar ao alcalde que se revisen para facer pública esta información e corrixir erros materiais.
Dende o Bloque salientaron que a publicación das declaracións de bens, así como sobre as actividades e posíbeis incompatibilidades, é unha obriga legal para os cargos electos. Un compromiso que, sinalou o voceiro nacionalista, supón que todas e todos os edís da Corporación municipal deben dar conta das súas condicións económicas e patrimoniais tanto ao inicio, como durante e ao remate do seu desempeño público.
“Non sabemos que se pretende esconder, pero os concelleiros e a concelleira do BNG nada temos que ocultar”, afirmou Igrexas, lembrando que a transparencia é un dereito da cidadanía e un imperativo ético. “Por iso non compartimos a decisión de omitir esta información, como si se fai noutras institucións democráticas, e cando non existen causas motivadas legalmente para non facela pública”, remachou.