O BNG pide converter o Concello de Vigo nun axente normalizador do galego: “Destina menos do 5% que a bolsas de inglés”

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo

A fronte nacionalista demanda actualizar xunto coa UVigo o estudo sobre a situación do idioma galego na cidade, constituír o Consello Social da Lingua e despregar un programa de promoción, entre outras medidas

Xabier P. Igrexas: “Temos que galeguizar Vigo como maior cidade de Galiza”

O BNG pide converter o Concello de Vigo nun axente normalizador do galego: “Destina menos do 5% que a bolsas de inglés”

O Bloque Nacionalista Galego pide converter o Concello de Vigo nun axente normalizador do galego diante da “emerxencia lingüística” e do retroceso do seu uso social na cidade. A fronte nacionalista vén de trasladar propostas para avanzar nese camiño e para garantir a efectividade da ordenanza municipal de Normalización Lingüística “sistematicamente incumprida” polo Goberno local.

“É irracional e un síntoma de autoodio e de clara galegofobia que Abel Caballero insista en destinar a actividades de normalización do noso idioma menos do 5% do que gasta nas becas de inglés”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusando o alcalde de ser o primeiro en vulnerar a normativa que fixa o galego como idioma oficial e lingua vehicular do Concello.

Igrexas denunciou que o retroceso no uso social da lingua galega é “resultado das políticas que procuran a súa desaparición ou reducila a espazos ornamentais e residuais”. Por este motivo, chamou a que o Concello “abandone a inercia” e poña en marcha medidas para alargar o uso do idioma propio en todos os ámbitos co “obxectivo de garantir o dereito de todas as viguesas e vigueses a vivir plenamente en galego”.

Estudo sobre o galego en Vigo

Dende o Bloque demandaron do Goberno municipal que poña en marcha un estudo sociolingüístico da cidade, en colaboración coa Universidade de Vigo, para coñecer a situación actual do galego na cidade e actualizar o último informe, datado no ano 2002. “Un punto de partida para levar adiante as medidas necesarias para a normalización do seu uso”, explicou Igrexas.

Na mesma liña, o portavoz municipal nacionalista propuxo despregar un “ambicioso” programa de promoción da lingua galega, dotado como mínimo con 150 mil euros, e fixou como “urxente” renovar o Consello Social da Lingua, pendente dende 2019. “Temos que galeguizar Vigo como maior cidade de Galiza, a nosa lingua ten que deixar de ser unha anécdota e un elemento ritual para xornadas como este 17 de maio”, remachou.

Manifestación nacional en Santiago de Compostela
23 de febreiro de 2025
12:00h - Dende a Alameda


 

O BNG pide converter o Concello de Vigo nun axente normalizador do galego: “Destina menos do 5% que a bolsas de inglés”