O BNG chama a activar un plan de emerxencia ante o risco dunha marea de pellets nos areais de Vigo
A fronte nacionalista propón un Comité de Emerxencia e pide mobilizar recursos ante a posíbel chegada dos microplásticos, que afecta xa a concellos limítrofes como Nigrán
Xabier P. Igrexas: “O Concello non pode quedar preso deste novo pimpampum estéril entre os Gobernos galego e español, ocupados en pasar a pelota dun tellado a outro”
O Bloque Nacionalista Galego chama a activar un plan de emerxencia en Vigo ante o risco dunha marea de pellets nos areais da cidade ou nas Illas Cíes. A fronte nacionalista propón constituír un Comité de Emerxencia así como mobilizar recursos humanos e materiais de maneira preventiva ante a posíbel chegada dos microplásticos, detectados xa na ría de Vigo e que afecta a concellos limítrofes como Nigrán.
“Diante da falla de resposta por parte da Xunta do PP e tamén do Goberno español, máis ocupados en pasarse a pelota dun tellado a outro, o Concello de Vigo non pode limitarse a estar á expectativa”, reclamou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que considerou urxente que a cidade estea preparada diante desta ameaza medioambiental para reducir ao mínimo o seu impacto. “Máis vale prever que lamentar”, engadiu.
Dende o BNG propoñen constituír un Comité de Emerxencia con técnicos municipais que incorpore ademais persoas expertas do Centro Oceanográfico, da Universidade de Vigo e das organizacións ecoloxistas. As nacionalistas piden contar tamén con representantes da Delegación da Xunta e da Subdelegación do Goberno para coordinar os esforzos.
Nese sentido, o Bloque demanda activar un plan de continxencia municipal que mobilice os recursos materiais e humanos necesarios para a retirada de pellets, diante da dificultade da tarefa, e preparar un dispositivo de voluntariado que coordine o propio Concello, como se fixo durante a marea negra do Prestige.
“Agora non hai escusas, sabemos que o risco existe e temos que prepararnos desde xa”, instou Igrexas, quen advertiu de que “o Concello de Vigo non pode quedar preso deste novo pimpampum estéril entre os Gobernos galego e español, co que uns e outros pretenden escorrer o vulto”. Afeou que ambas administracións “non fixeran” nada dende que tiñan coñecemento do vertido desde o 13 de decembro “deixando sós aos concellos sen medios”.
Mesmo modus operandi que no Prestige
O portavoz municipal do BNG cuestionou que o Goberno de Alfonso Rueda insista no “mesmo modus operandi” que durante a crise do Prestige. “Primeiro ocultan o problema e non actúan nin poñen medios, e agora intentan manipular a situación”, reprochou, quen tachou de “delirantes” as declaracións da conselleira de Medio Ambiente negando a toxicidade dos microplásticos e dicindo que “hai peixes que poden inxerilos e outros non”.
“A Xunta do Partido Popular volve demostrar unha vez máis a súa incompetencia para poñerse á fronte e liderar unha resposta ante un problema medioambiental tan grave como o que estamos vivindo”, remachou Igrexas.