O BNG pide declarar Vigo como cidade saturada de pisos turísticos e impoñer unha taxa municipal
A fronte nacionalista demanda a elaboración dunha ordenanza municipal que regule este fenómeno, con case o triplo de pisos turísticos (1.500) que dispoñíbeis para alugueiro
Acusa de “inacción” á Xunta de Rueda e ao Goberno de Caballero diante da proliferación
Xabier P. Igrexas: “Non podemos ficar de brazos caídos mentres a especulación dos pisos turísticos segue a encarecer a niveis insoportábeis o prezo da vivenda”
O Bloque Nacionalista Galego pide declarar Vigo como cidade satura de pisos turísticos diante da “grave proliferación deste fenómeno especulativo”. A fronte nacionalista demanda a elaboración urxente dunha ordenanza municipal que regule esta situación impoñendo unha taxa ao seu funcionamento, esixindo dunha licenza municipal e realizando inspeccións para aflorar as vivendas non rexistradas.
“É momento de frear en seco esta ameaza que está a dificultar o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitar a súa propia cidade, con cada vez máis familias traballadoras e mocidade que literalmente non se poden permitir o luxo de vivir en Vigo”, demandou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.
Hoxe en Vigo hai case o triplo de pisos turísticos (1.500) que vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial, 400 máis durante os últimos 6 meses. “A nosa cidade ten case o dobre que os existentes en Santiago de Compostela, o que dá boa conta da gravidade da situación”, alertou Igrexas. Nese sentido, subliñou que existen xa en Vigo como mínimo 15 zonas tensionadas polos altos prezos dos alugueiros, segundo o Instituto Galego de Vivenda e Solo, con incrementos dun 50% nos últimos 5 anos.
O portavoz nacionalista responsabilizou deste problema á “inacción” da Xunta de Alfonso Rueda e do Goberno municipal de Abel Caballero. Por parte do Goberno galego, lamentou a negativa do PP a garantir a legalidade no rexistro de vivendas turísticas mantendo a “lei da selva”, permitindo que calquera persoa que o desexe poida destinar a súa vivenda a uso turístico sen medidas de control nin ordenación.
Ordenanza municipal
No caso do Concello de Vigo, Igrexas considerou urxente actuar para deter esta proliferación e o grave problema de acceso á vivenda. Así, avanzou que no vindeiro Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, previsto para este martes, o BNG demandará a elaboración urxente dunha ordenanza municipal que declare Vigo como cidade saturada de pisos turísticos, impoñendo unha taxa ao seu funcionamento, esixindo dunha licenza municipal así como realizando inspeccións para aflorar os pisos non rexistrados.
“Trátase de facer o que xa fixeron outras cidades galegas e no Estado, na certeza de que non podemos ficar de brazos caídos mentres a especulación dos pisos turísticos segue a encarecer a niveis insoportábeis o prezo da vivenda”, remachou o voceiro do Bloque.