O BNG comprométese a reforzar a “precaria” unidade de saúde mental infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro
A fronte nacionalista denuncia que esta unidade inaugurada o pasado 28 de decembro non dispón de recursos suficientes, como demostra o caso dun paciente de apenas 13 anos con TEA amarrado con correas a unha cama durante 24 días
Montse Prado: "Garantir unha rede sanitaria pública potente, prestando a atención que merece a saúde mental, será prioritario para un Goberno galego liderado polo BNG”
Xabier P. Igrexas: “Non hai xustificación para que esta unidade no Álvaro Cunqueiro non teña os mesmos medios, como mínimo, que outros centros como Conxo ou Toén”
O Bloque Nacionalista Galego comprométese a reforzar a “precaria” unidade de saúde mental infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC). A portavoz de Sanidade e deputada do BNG, Montse Prado, xunto co portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, veñen de denunciar a falla de recursos nesta unidade, inaugurada o pasado 28 de decembro, despois de coñecerse o caso dun paciente de apenas 13 anos con TEA que estivo amarrado con correas a unha cama durante 24 días.
“A pesar da súa moi recente apertura a unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro xa presenta importantes déficits”, criticou Prado, quen considerou que esta carencia de medios humanos e materiais ten un impacto directo na calidade asistencial como demostra o caso do menor. Nese sentido, lembrou que a propia Organización Mundial da Saúde sinala que estas contencións mecánicas deben ser “métodos extraordinarios” en situacións de emerxencia.
A deputada nacionalista cualificou nese sentido de “incomprensíbel” que a unidade do HAC non conte cun sistema de videovixilancia de habitacións, con monitorización desde o control de enfermería, como si existe noutras dependencias do propio centro hospitalario. Tampouco, criticou, conta desde a súa apertura coa dotación de persoal necesario e prometido, nomeadamente pola carencia total de profesionais de terapia ocupacional que xogan un “papel fundamental” desde o punto de vista terapéutico en pacientes neurodiverxentes.
“É escandaloso que fose precisamente despois da denuncia desta familia recollida nos medios de comunicación cando por fin se incorporou unha terapeuta, poñendo fin á total precariedade destas semanas nas que só se dispuña dun profesional de maneira parcial e compartido con outros servizos”, lamentou Prado
Dende a fronte nacionalista subliñaron como “imprescindíbel” o reforzo nun 50% dos terapeutas ocupacionais, como demandan as propias profesionais, dado que a área sanitaria de Vigo só conta na actualidade con 4 profesionais. Aliás, consideraron necesario actualizar os protocolos de actuación, con plans de formación específica para unha mellor atención de persoas TEA e outras neurodiverxencias para “evitar sufrimento innecesario tanto a pacientes como a coidadoras e familias”.
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo lamentou que “detrás da pompa propagandística da inauguración da unidade agochábanse máis unha vez incumprimentos, insuficiencias e precariedade”. Igrexas asegurou que non hai xustificación para que esta unidade no Álvaro Cunqueiro non teña nin a mesma dotación de persoal nin os mesmos medios materiais, como mínimo, que os existentes noutros centros como Conxo ou Toén.
Sanidade, prioridade un novo Goberno galego do BNG
Para o BNG este é un exemplo máis da urxencia dun “cambio radical nas nefastas políticas sanitarias de recortes e privatizacións” impostos polo PP durante os últimos 15 anos que converteron a área de Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria” en Galiza. “Por iso garantir a saúde cunha rede sanitaria pública potente, prestando a atención que merece a saúde mental, será unha das prioridades dun novo Goberno galego liderado polo BNG”, avanzou a voceira nacionalista de Sanidade.
“Vigo e a súa área non merecen este castigo inxusto e as viguesas e vigueses poden a absoluta certeza de que unha Xunta presidida por Ana Pontón porá punto e final, de maneira definitiva, a esta desfeita sanitaria, garantindo o dereito a unha atención sanitaria pública e de calidade, tamén no ámbito da saúde mental e protexendo especialmente aos nosos fillos e fillas”, destacou Igrexas.