O BNG chama a concentrar o voto en Vigo: “Se a nosa cidade empurra, o cambio galego será imparábel coa presidencia de Ana Pontón”
A candidatura viguesa do Bloque lanza un vídeo no peche da campaña electoral do 18F poñendo en valor o peso de Vigo para facer realidade a mudanza no Goberno da Xunta: “Que ningún voto quede nada casa, que ningún voto se perda este domingo”
Reivindican a papeleta do BNG como garantía da fin dos recortes e privatizacións na sanidade pública, do impulso produtivo e industrial na cidade e da vivenda como dereito
O Bloque Nacionalista Galego chama a concentrar o voto en Vigo para que o cambio galego sexa unha realidade nas eleccións do 18 de febreiro. Fíxoo cun vídeo electoral en redes sociais no peche da campaña no que participaron as integrantes viguesas da candidatura Alexandra Fernández (número 3 pola provincia), Carmela González (número 5) e Brais Ruanova (número 7), quen puxeron en valor o peso de Vigo para facer realidade a mudanza na Xunta.
“O voto de Vigo vai ser máis determinante do que nunca nas eleccións deste domingo”, destacou Fernández, chamando a “facer historia” con Ana Pontón como primeira presidenta do Goberno galego. A candidata nacionalista reivindicou que este 18F “só hai unha alternativa, a papeleta do BNG, para desaloxar ao PP tras 15 anos de desgoberno e para abrir un tempo novo de esperanza e futuro para Galiza e para Vigo”.
💙 “Se #Vigo empurra, o cambio galego será imparábel coa presidencia de Ana Pontón”
— BNG Vigo #VigoMáisAlá ✊🏼 (@bngvigo) February 16, 2024
As candidatas viguesas Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova chaman a concentrar o voto determinante da nosa cidade no @obloque este #18F🗳️#ÉAgora #AnaPontónPresidenta pic.twitter.com/6Sm6rs4V3f
A candidatura do Bloque asegurou que vai ser decisiva unha masiva mobilización nas urnas este domingo. “Que ningún voto do cambio quede nada casa, que ningún voto se perda”, apelaron dende a fronte nacionalista ás persoas indecisas. “Non importa que votasen noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galega de sentirse galego e todas son necesarias para poñer en marcha un País mellor”.
Un cambio galego que, a xuízo das candidatas do BNG, é urxente para poñer fin a 15 anos de políticas de “castigo e abandono do PP” coa cidade de Vigo. “Para recuperar e reforzar a nosa sanidade pública da desfeita que provocaron a base de recortes e privatizacións”, defendeu Carmela González, quen tamén pediu o voto para que “o coidado dos nosos maiores deixe de ser un negocio para uns poucos”.
Na mesma liña, Brais Ruanova apelou a apostar pola papeleta do Bloque para que “Vigo volva ser o motor de toda Galiza, con industria, empregos e salarios dignos”. Aliás, puxo no centro as políticas para facilitar o acceso á vivenda para que “deixe de ser un luxo imposíbel para miles de viguesas e vigueses, para miles de galegas e galegos”, en particular para a mocidade.
Unha nova Xunta aliada de Vigo
Na derradeira xornada de campaña electoral, o portavoz municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas, participou dun reparto nas Travesas no que se amosou “convencido de que Vigo vai dar o empurrón definitivo para desaloxar o PP da Xunta de Galiza”
Igrexas chamou a “concentrar as inmensas arelas de cambio que latexan na cidade na papeleta do BNG para lograr un novo Goberno galego que se converta nun verdadeiro aliado de Vigo como maior cidade de Galiza”. “Unha Xunta presidida por Ana Pontón deixará de virarlle as costas ás 300 mil galegas e galegos que vivimos en Vigo”.
“As viguesas e vigueses co noso voto, máis decisivo do que nunca, podemos facer deste 18 de febreiro o abrente dun tempo novo con Vigo como motor dunha nova Galiza”, proclamou.