O BNG chama en Vigo a 'varrer o PP' coa mobilización e o voto para que deixe de facer negocio coa sanidade pública galega

FOTO BNG SANIDADE

O deputado, Luís Bará, e mais o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas criticaron hoxe “os recortes e privatizacións letais do PP” ás portas do centro de saúde Rosalía de Castro

“Vigo é a verdadeira zona cero da desfeita sanitaria da década que Núñez Feijóo leva como presidente da Xunta”, aseguraron

O BNG chama en Vigo a 'varrer o PP' coa mobilización e o voto para que deixe de facer negocio coa sanidade pública galega

Representantes do Bloque Nacionalista Galego, entre eles o deputado Luís Bará e e o portavoz municipal Xabier P. Igrexas, denunciaron hoxe en Vigo, ás portas do centro de saúde Rosalía de Castro, a situación de emerxencia da sanidade pública galega que, segundo afirmaron, “está na UCI ao borde do colapso” a causa das políticas do Partido Popular.

O deputado pola provincia de Pontevedra Luís Bará destacou que para o BNG a sanidade é un dereito fundamental que ten que ver coa equidade e que non pode ser entendido dende unha perspectiva empresarial: “Coa sanidade pública non se xoga, non se fai negocio, senón que se defende”.

Ante a situación de colapso, as e os nacionalistas convidaron a toda cidadanía galega a participar na manifestación a favor da sanidade pública que se celebrará en Compostela o vindeiro domingo día 9. Segundo advertiron no seu chamamento, a vía da mobilización estase a demostrar como útil e eficaz para dobrar o brazo do PP e da Xunta, con exemplos “evidentes” como o de Verín, obrigando a dar marcha atrás a recortes, peches e decisións inxustificadas.

Segundo subliñou Bará, as vindeiras eleccións serán sen embargo a maior e principal oportunidade para reverter a situación actual, apostando por forzas propias do país como o BNG que defenden o público: “Temos que varrer coa mobilización e co noso voto nas vindeiras eleccións ao PP da Xunta, porque as súas políticas de recorte e privatización son letais para a sanidade pública”, subliñou.

Bará destacou que as dúas grandes liñas da política do PP na sanidade son desmantelamento e a privatización. Subliñou a situación constante de redución de persoal e as condicións laborais de desprotección - non cubrindo nin baixas por xubilación, enfermidade ou licencias-, que están a causar mala calidade no servizo con atrasos de ata 15 días nas citas na Atención Primaria, a falta de pediatras, e o colapso de PAC e urxencias hospitalarias.

“Están a pasar cousas que nunca se viran: non hai camiñas nas urxencias, hai esperas de 30 horas para pasar a planta, retrasos nas probas diagnósticas… E a xente está optando por contratar seguros privados porque non hai medios, non hai planificación e non hai persoal”, salientou, ao tempo que indicou que se a día de hoxe o sistema se mantén en pé é pola calidade e profesionalidade das e dos seus traballadores.

Bará insistiu en que os datos demostran o aumento da participación do sector privado nos orzamentos públicos, unha tendencia que segue a incrementarse e que se fai evidente no interese das grandes multinacionais nos hospitais españois. “Estase a reducir o orzamento en Atención Primaria (non privatizable) e aumentando no gasto hospitalario sobre todo en alta tecnoloxía, onde firmas internacionais se reparten o pastel”, apostillou.

Fronte a esta situación, o nacionalista fixo fincapé na grande sensibilidade existente na cidadanía sobre este tema, con concentracións en todo o país, mais insistiu que é preciso dar unha resposta aínda maior que estea á altura tanto pola vía da mobilización social como pola vía institucional.

Zona cero     
Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas destacou que ás viguesas e os vigueses sóbranlles os motivos para acudir á manifestación do próximo 9 de febreiro, xa que o PP converteu a cidade “na verdadeira zona cero da desfeita sanitaria desta década nefasta de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta”.

Igrexas enumerou as afrontas de Feijóo con Vigo: “as súas políticas irresponsábeis impuxéronnos un hospital privatizado e recortado, iniciaron o desmantelamento do Meixoeiro, provocaron o colapso da Atención Primaria comprometendo mesmo a atención pediátrica, fixeron que o PAC da cidade estea nunha situación límite, reduciron á metade o proxecto do centro de saúde de Bouzas, manteñen unha atención insuficiente por falta de persoal en Povisa e castígannos con menos ambulancias das que precisamos”.

“Temos que paralos- dixo-. Non podemos permitir que sigan a xogar coa nosa saúde”, chamando a sumar o masivo rexeitamento de Vigo fronte á política sanitaria do PP na gran manifestación nacional que partirá da Alameda de Santiago o vindeiro domingo ás 12 da mañá convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública en defensa dunha sanidade pública galega, gratuíta, universal e de calidade.

O BNG chama en Vigo a 'varrer o PP' coa mobilización e o voto para que deixe de facer negocio coa sanidade pública galega