O BNG insta o Goberno municipal a desbloquear a inclusión de Vigo no transporte metropolitano
Após a sentenza contra a discriminación na Pass Vigo, a fronte nacionalista pide que en lugar de recorrela o Concello de Vigo traslade á Xunta unha proposta concreta que permita un acordo para incluír a cidade no transporte metropolitano.
Xabier P. Igrexas: “Fronte a quen quere empequenecer Vigo, amurallándoa como unha cidade-Estado medieval, o BNG apostamos por facer de Vigo o motor de toda Galiza liderando a área metropolitana”.
O Bloque Nacionalista Galego valorou a sentenza arredor da tarxeta Pass Vigo lembrando que a decisión de restrinxila a persoas empadroadas fora desde un inicio “un absoluto disparate”. Para o concelleiro, Xabier P. Igrexas, a resolución xudicial clarifica que esa discriminación “ademais de irracional e inxustificada é ilegal”.
Igrexas explicou que nunha situación na que a cidade recibe 90 mil vehículos diarios doutros concellos a aposta debera ser potenciar o uso do transporte colectivo en lugar de restrinxilo. “Temos que reducir o uso do coche privado en Vigo, para gañar espazo para as persoas, e iso pasa por medidas como xeneralizar a Pass Vigo, por avanzar na integración intermodal e por poñer en marcha aparcadoiros disuasorios nos accesos ds cidade”, defendeu.
Transporte metropolitano
Diante da “encrucillada” creada após ese fallo xudicial, o portavoz municipal nacionalista instou o Goberno municipal a non recorrelo e a dedicar “todos os esforzos políticos a desbloquear a integración de Vigo no transporte metropolitano”. Nese sentido, demandou que o executivo de Abel Caballero se dirixa “mañá mesmo” á Xunta de Galiza cunha proposta concreta que permita chegar a un acordo. “Sabemos que o principal atranco é precisamente o cofinanciamento do transporte urbano, pero o Bloque sempre defendemos que a solución esixe acordo e consenso”, engadiu.
Para a fronte nacionalista é un “sen sentido” que a cidade e capital da área fique fóra do transporte metropolitano. O Bloque fai un chamamento a “abandonar os discursos hiperlocalistas e rancios” e a poñer “luces longas”. “Fronte a quen quere empequenecer Vigo, amurallándoa como unha cidade-Estado medieval, enfrontada con todos por todo, o BNG apostamos por facer de Vigo o motor de toda Galiza, liderando desde a cooperación a área metropolitana”, remachou Igrexas.