O BNG chama ás viguesas e vigueses a definir un novo horizonte para a cidade en 2023

Ana Pontón e Xabier P. Igrexas na presentación do lema da candidatura do BNG en Vigo
Ana Pontón e Xabier P. Igrexas na presentación do lema da candidatura do BNG en Vigo

A fronte nacionalista fai balanzo do ano 2022 denunciando a “inercia paralizante” do goberno de Abel Caballero e o “total abandono” que padece Vigo por parte da Xunta do PP e mais do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos

Advirten que a incompetencia do actual Goberno local vai deixar sen gastar, como mínimo, 150 millóns de euros do orzamento municipal deste 2022

Xabier P. Igrexas: “Hai moitas viguesas e vigueses que saben e senten que Vigo merece máis e no BNG estamos convencidas de que xuntas, entre todas e todos, sumando en positivo imos facelo posíbel”

O BNG chama ás viguesas e vigueses a definir un novo horizonte para a cidade en 2023

O Bloque Nacionalista Galego fixo balanzo do ano 2022, denunciando a inercia paralizante do Goberno municipal de Abel Caballero e o abandono que padece Vigo por parte da Xunta do PP e mais do Goberno español de PSOE e de Unidas Podemos. A fronte nacionalista encara o 2023 con “esperanza e confianza” e chama as viguesas e vigueses a definir co seu voto, nas vindeiras eleccións municipais, “un novo horizonte” para a cidade.

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou o ano que está a piques de rematar como “especialmente duro e difícil para a maioría social que representan as clases populares e traballadoras”. Neste sentido, aludiu as máis de 22 mil persoas en situación de desemprego, os centos de mozas e mozos expulsadas á emigración por falla de oportunidades na cidade e tamén ás máis de 60 mil viguesas e vigueses en risco de exclusión social e pobreza.

“Se en algo estiveron de acordo o PP en Santiago e o PSOE e Podemos en Madrid foi en dicirlle que non a Vigo. Dixeron que non a todas e cada unha das emendas coas que o  BNG demandamos aumentar o investimento da Xunta e do Estado na nosa cidade por volta de 200 millóns de euros”, denuncia Xabier P. Igrexas

Igrexas criticou con dureza as políticas de abandono que aplican contra a maior cidade de Galiza tanto a Xunta, do Partido Popular, como o Goberno español, de PSOE e Unidas Podemos. “A Xunta do PP insistiu en facer de Vigo e a súa área a zona cero da desfeita sanitaria, negouse a poñer en marcha o novo instituto de Navia e segue sen atender as necesidades infraestruturais de Vigo”, reprochou o edil nacionalista. En relación ao executivo de Madrid, o candidato nacionalista afeou uns orzamentos xerais do Estado “insultantes para a cidade” e que dedicarán menos de 30 mil euros o vindeiro ano á conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, a Saída Sur que definiu de “estratéxica, fundamental e irrenunciábel”.

“Se en algo estiveron de acordo o PP en Santiago e o PSOE e Podemos en Madrid foi en dicirlle que non a Vigo. Dixeron que non a todas e cada unha das emendas coas que o  BNG demandamos aumentar o investimento da Xunta e do Estado na nosa cidade por volta de 200 millóns de euros”, criticou Igrexas.

Vigo merece máis

A nivel municipal o balanzo deste ano, segundo o nacionalista, é o de “máis inercia”. “Unha inercia paralizante que a golpe de políticas frívolas reduce a nosa cidade a unha especie de parque temático, ao tempo que insiste en non atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses e no abandono dos nosos barrios e parroquias”

“Se vai haber algo histórico este 2022 vai ser inexecución do orzamento municipal. O goberno de Abel Caballero vai deixar sen gastar, como mínimo, 150 millóns de euros do orzamento deste 2022, marcando un novo record na súa política incompetente”, advertiu o portavoz municipal nacionalista retrucando o relato “rotundamente falso” do rexedor. 

Igrexas aposta por avanzar cara a un Vigo “máis habitábel máis verde, igualitario e socialmente xusto, que volva ser pulmón industrial de Galiza, vangarda da creación cultural e que asuma o papel que lle corresponde para sermos o motor de todo un País”.

En contraste con esa política que “está deixando Vigo atrás”, desde o BNG encaran o 2023 con optimismo enfatizando a “esperanza”. “O 2023 vai ser o ano no que as viguesas e vigueses van poder trazar, co seu voto, un novo rumbo e definir un novo horizonte para a nosa cidade”, reivindicou Igrexas, que subliñou o carácter “aberto, positivo e construtivo do proxecto do BNG como alternativa sólida e rigorosa” para levar “Vigo máis alá do dinoseto, das luces, da fanfarria, dos anuncios e das promesas incumpridas”.

A proposta do Bloque pasa por poñer as persoas no centro das políticas municipais para mellorar a calidade das viguesa e dos vigueses, apostando por avanzar cara un Vigo “máis habitábel máis verde, igualitario e socialmente xusto, que volva ser pulmón industrial de Galiza, vangarda da creación cultural e que asuma o papel que lle corresponde para sermos o motor de todo un País”.

“Hai moitas viguesas e vigueses que saben e senten que Vigo merece máis e no BNG estamos convencidas de que xuntas, entre todas e todos, sumando en positivo imos facelo posíbel”, remachou Igrexas.
 

O BNG chama ás viguesas e vigueses a definir un novo horizonte para a cidade en 2023