O BNG de Vigo esixe a Caballero constituír a Comisión de Vixilancia de Contratación do Concello

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo

A fronte nacionalista insta o rexedor a deixar de incumprir o Regulamento Orgánico do Pleno que, no seu artigo 34.3, fixa como obrigatoria a creación dese órgano para a fiscalización da contratación municipal.

Xabier P. Igrexas: “O Goberno municipal está pagando a empresas por facer menos traballo do contratado e sen respeitar nin as condicións fixadas nin os dereitos do seu persoal”.

O BNG de Vigo esixe a Caballero constituír a Comisión de Vixilancia de Contratación do Concello

O Bloque Nacionalista Galego vén de esixir ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que proceda a constituír a Comisión de Vixilancia da Contratación do Concello, que é obrigatoria segundo o Regulamento Orgánico do Pleno e que inda non se creou no que vai de mandato. A fronte nacionalista demanda unha maior fiscalización e control fronte á “complicidade” do actual Goberno municipal e lembra que 3 de cada 4 euros do orzamento municipal van parar ás empresas concesionarias e contratas privadas. 

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou esta mañá que iniciaban o 2023 reclamando, máis unha vez, ao rexedor que deixe de incumprir sistematicamente o Regulamento Orgánico do Pleno, que no seu artigo 34.3, fixa como obrigatoria a creación dese órgano de control para a adecuada fiscalización da contratación municipal.

Un instrumento que para o nacionalista permitiría transparentar a contratación pública que “transfire arredor de 200 millóns de euros de diñeiro público, de recursos de todas as viguesas e vigueses, a empresas privadas” e permitiría ás forzas políticas da oposición fiscalizar a acción do goberno local perante os flagrantes incumprimentos por parte destas.

Igrexas lembrou que moitas das empresas e contratas privadas que prestan servizos para o Concello están envolvidas en numerosas denuncias polos seus graves incumprimentos tanto dos dereitos laborais do seu persoal, como dos propios pregos concesionais e contratos públicos. “O Goberno de Abel Caballero está pagando a empresas por facer menos traballo do contratado e sen respeitar as condicións fixadas”, denunciou.

“Abonda de complicidade. O Goberno municipal ten que garantir a prestación efectiva dos servizos contratados e impedir que ningunha empresa privada que xestione servizos municipais poida seguir vulnerando os dereitos do seu persoal”, reclamou Igrexas.
 

O BNG de Vigo esixe a Caballero constituír a Comisión de Vixilancia de Contratación do Concello