O BNG de Vigo pide facer gratuíto o bus para persoas perceptoras do IMV, desempregadas e menores de 14 anos
A fronte nacionalista considera insuficiente a conxelación do prezo do billete ordinario e das tarifas dos diferentes bonos, e esixen que se recuperen todas as frecuencias e horarios que foron eliminados sob o pretexto de pandemia.
Xabier P. Igrexas: “Temos que mellorar substancialmente o servizo de bus urbano nun momento no que é máis necesario do que nunca, para facilitar unha mobilidade sustentábel ecoloxicamente pero tamén accesíbel en termos económicos”.
O Bloque Nacionalista Galego valorou como “insuficiente” o anuncio de conxelación do prezo do billete ordinario e das tarifas dos diferentes bonos do servizo de bus urbano.
A fronte nacionalista reclama, pola contra, facer gratuíto o autobús para persoas perceptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV) e axudas sociais análogas, desempregadas de longa duración e menores de 14 anos. Aliás, tamén demanda a equiparación do prezo do bono estudante co universitario para poñer fin a unha “discriminación inxusta e inxustificábel que fai que o estudantado de bacharelato ou FP teña que pagar máis caro o bus que os e as universitarias”.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu estas medidas afirmando que permitirían “adecuar os prezos dun servizo esencial para a mobilidade como o bus urbano ao actual contexto de grave crise inflacionaria e de perda de poder adquisitivo da maioría social”.
Desde o Bloque critican tamén a “opacidade antidemocrática” coa que o Goberno municipal está a tramitar a actualización de tarifas do bus, denunciando que un ano máis non se convocou, como é preceptivo, o Consello Sectorial de Transportes, organismo consultivo do que fan parte tanto os grupos políticos, representantes sindicais, veciñais e de consumidoras, así como de empresas e organizacións profesionais.
Recuperación de frecuencias
Igrexas tamén esixiu ao alcalde, Abel Caballero, que actúe con firmeza para que a concesionaria do bus urbano recupere “a totalidade das frecuencias e horarios que foron recortadas coa escusa da pandemia” e que supuxo un grave prexuízo para a cidadanía.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista recalcou que “temos que mellorar substancialmente o servizo de bus urbano nun momento no que é máis necesario do que nunca, para facilitar unha mobilidade sustentábel ecoloxicamente pero tamén accesíbel en termos económicos”.