O BNG pide a comparecencia de Caballero ante os novos indicios de irregularidades co concerto de Guns N’ Roses
A fronte nacionalista vén de solicitar que o alcalde xunto á concelleira de Contratación, Patricia Rodríguez, e o anterior edil de Festas, Pablo Estévez, dean explicacións sobre o frustrado patrocinio na vindeira Comisión Informativa de Contratación
Demanda tamén acceso a todas as comunicacións coa promotora por parte de membros do Goberno e dos diferentes servizos do Concello desde o mes de outubro de 2022
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses merecen coñecer a verdade que Caballero leva moito tempo tentando ocultar”
O Bloque Nacionalista Galego pide a comparecencia de Abel Caballero diante dos novos indicios de irregularidades no concerto de Guns N’ Roses. A fronte nacionalista vén de solicitar formalmente que o alcalde xunto á concelleira de Contratación, Patricia Rodríguez, e o anterior edil de Festas, Pablo Estévez, dean explicacións na vindeira Comisión Informativa de Contratación do Concello de Vigo en relación ao frustrado patrocinio publicitario da actuación.
“Diante das novas informacións que achegan datos que acrecentan as sospeitas sobre a xestión presuntamente ilegal do Goberno municipal con este concerto, o BNG cremos que as viguesas e vigueses merecen coñecer a verdade que Caballero leva moito tempo tentando ocultar”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Dende o Bloque consideran que feitos “tan graves” como a existencia de comunicacións privadas sostidas no tempo entre o Goberno e a promotora -presuntamente para “amañar” o patrocinio de case 2 millóns de euros fóra do marco legal incluso durante a tramitación do “falso” concurso público- non poden quedar sen resposta por parte do alcalde.
Acceso ás comunicación coa promotora
Co mesmo obxectivo, Igrexas solicitou ademais acceso a todas as comunicacións por parte de membros do Goberno e dos diferentes servizos municipais coa promotora do concerto desde o mes de outubro de 2022. “Se o alcalde e o seu Goberno non teñen nada que ocultar, o que teñen que facer é comparecer e dar a cara”, subliñou.
O portavoz nacionalista asegurou que estas medidas en prol da transparencia son “imprescindíbeis por pura hixiene democrática” diante dos “rotundos indicios sobre a actuación irregular” do Goberno local, máis alá das consecuencias xurídicas que se deriven do proceso contencioso aberto contra o Concello.
Dende a fronte nacionalista lamentaron que a día de hoxe continúe sen aclararse se a carta de interese feita pública polo BNG é legalmente un precontrato que obrigue ao Concello ao pago do patrocinio. “Do que ninguén ten dúbidas xa é de que foi Abel Caballero quen tomou a decisión de meter case 2 millóns de euros nos petos da promotora”, afeou Igrexas, asegurando que o Goberno municipal “só botou o freo de man no último momento cando xa eran evidentes as dúbidas e sospeitas de ilegalidade e pola resistencia dos propios servizos municipais”.