O BNG de Vigo esixe ao Goberno de Caballero que se desculpe coa veciñanza e rectifique o deseño do Nadal
Tras a sentenza do TSXG que condena ao Concello por vulnerar dereitos fundamentais, a fronte nacionalista reclama un plan que evite que o Nadal vigués volva ser un “caos inseguro e insoportábel” e que se respecte a normativa de ruídos, ambiental e patrimonial
Xabier P. Igrexas: “Esta sentenza demostra que o ‘parque temático’ do Nadal de Caballero vulnera os dereitos das viguesas e dos vigueses”
Após se coñecer o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que condena ao Concello de Vigo por vulneración de dereitos fundamentais, a causa da contaminación acústica provocada polas actividades do Nadal, desde o Bloque Nacionalista Galego instan o Goberno municipal de Abel Caballero a desculparse coa veciñanza e adoptar as medidas que eviten os graves prexuízos que ocasiona desde hai varios anos o actual deseño do Nadal vigués.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou que “o que ten que facer o Goberno municipal é pedirlle perdón á veciñanza da cidade á que durante anos desprezou e insultou por denunciar as graves molestias que provoca o modelo caprichoso de Nadal que decidiron impoñer”.
Igrexas chamou ao Goberno de Caballero a actuar para evitar que o próximo Nadal se converta nun novo “caos inseguro e insoportábel”. No concreto, esixe medidas efectivas para garantir o tránsito peonil e de vehículos de emerxencia, así como o estrito cumprimento da normativa en materia de ruídos, de protección ambiental e do patrimonio. “Esta sentenza demostra que o ‘parque temático’ do Nadal de Caballero vulnera os dereitos das viguesas e dos vigueses”, enfatizou.
Nadal si, pero non así
En resposta ás declaracións do portavoz socialista, Carlos López Font, nas que acusaba a fronte nacionalista de pretender “pechar o Nadal de Vigo”, Igrexas cualificounas de “disparates que insultan a intelixencia das persoas e que xa non colan”. “A posición do BNG é rotundamente clara desde o inicio: Nadal si, por suposto que si, pero non así”, acrecentou argumentando a necesidade de abordar un novo modelo descentralizado e máis sustentábel.
“A necesidade patolóxica de Caballero de grandes masas de xente coas que tirarse selfies non pode estar por encima do dereito das viguesas e vigueses a poder habitar con seguridade a súa propia cidade”, proclamou.
Para a fronte nacionalista o que debera facer Font e o resto do equipo de goberno, “en lugar de mentir sen escrúpulos mesmo tentando negar o que di esta sentenza”, é definir un plan que impida que o Nadal volva ser unha “tortura” non só para a veciñanza do centro, senón para o conxunto da cidade, por causa das retencións quilométricas, o colapso do transporte e situación tan graves como que non se garanta o paso de vehículos de emerxencia. “Menos mentir e máis rectificar”, remachou Igrexas.