O BNG pide abrir o debate sobre as ZBE en Vigo ante as “falsidades” de Caballero sobre as multas

Perímetros proxectados polo Goberno de Caballero para ZBE
Perímetros proxectados polo Goberno de Caballero para ZBE

A fronte nacionalista urxe convocar os Consellos Sectoriais de Transportes e Medio Ambiente para contar cunha ampla participación á hora de definir a ordenanza reguladora

O Bloque defende unha alternativa integral de ZBE con medidas como a mellora do bus urbano en lugar do sistema de sancións por tipo de vehículo que prepara o Goberno local

Xabier P. Igrexas: “Avanzar cara unha cidade máis sustentábel pasa por reducir o uso do coche privado, en lugar de discriminar a quen non se pode permitir un híbrido ou eléctrico”

O BNG pide abrir o debate sobre as ZBE en Vigo ante as “falsidades” de Caballero sobre as multas

O Bloque Nacionalista Galego pide abrir o debate sobre as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en Vigo. Así o demandou este luns o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, en resposta ás “falsidades” por parte do alcalde, Abel Caballero, sobre a implantación destas zonas na cidade prevista para este ano 2025.

Igrexas reiterou o completo rexeitamento do Bloque ao proxecto do Goberno local, que tachou dunha “moi mala copia de Madrid Central” coa imposición de catro perímetros nos que se vai restrinxir o acceso aos vehículos de combustión mediante un sistema coercitivo con multas e sancións de mínimo 200 euros.

“Avanzarmos de verdade cara unha cidade máis sustentábel e con menos emisións contaminantes ten que pasar por reducir o uso do vehículo privado, dando alternativas reais, e non por discriminar a quen non se pode permitir o luxo de comprar un coche híbrido ou eléctrico”, defendeu o voceiro municipal nacionalista.

Por este motivo, dende o BNG reiteraron a súa alternativa integral que aposta por converter os 110 quilómetros do termo municipal de Vigo nunha ZBE, con medidas que promovan e faciliten unha mobilidade alternativa ao coche para reducir as emisións contaminantes en toda a cidade.

Entre elas, as nacionalistas chaman a reforzar e mellorar dunha vez o transporte público para que sexa unha alternativa viábel ao coche privado. Demandan nese sentido máis e mellores frecuencias no servizo de autobús urbano, un prezo máis accesíbel e o redeseño do mapa de liñas para conectar mellor o conxunto dos barrios e parroquias. En paralelo, o Bloque defende tamén medidas para fomentar a mobilidade peonil, o uso de bicicletas e de vehículos de mobilidade persoal.

Máis participación

No obxectivo de abrir o debate, dende a fronte nacionalista van solicitar formalmente que o Goberno local convoque os Consellos Sectoriais de Transportes e Medio Ambiente para contar cunha ampla participación veciñal á hora de definir a ordenanza municipal que vai regular as Zonas de Baixas Emisións.

A ese respecto, Igrexas lamentou que Caballero continúe “escondendo no despacho o proxecto nova ordenanza municipal e da que nada sabemos dende hai varios anos”, mentres o rexedor realiza declaracións “contraditorias” nas que afirma, por un lado, que van aplicar a lei pero, por outro, nega que vaian impoñer as multas previstas.

O BNG pide abrir o debate sobre as ZBE en Vigo ante as “falsidades” de Caballero sobre as multas