BNG exixe ao Goberno liberar de peaxe a AP-9 como alternativa á prolongación da A-52

A organización nacionalista levará este asunto ás Cortes polo grave impacto territorial, social e ambiental que suporá para Mos, Vigo e O Porriño
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda a comparecencia do ministro e do secretario de Estado de Transporte para que expliquen porque non se fixo un estudo de alternativa en que se valorase a liberación de peaxe da AP9 e a mellora das conexións
O Bloque Nacionalista Galego amosa o seu rexeitamento ao proxecto de trazado formulado polo Goberno do Estado para dar continuidade á A-52 entre O Porriño e Vigo e exixe a súa retirada inmediata. A fronte nacionalista solicita a comparecencia do ministro de Transporte e do secretario de Estado de Transporte e Mobilidade Sustentábel para que informe sobre este trazado e exixir un novo estudo de alternativas que contemple a supresión de portaxes na AP-9 e a mellora da A-55, entre outras actuacións.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora nacionalista, Carme da Silva, acompañados polos voceiros da organización nos concellos de Vigo, Xabier P. Igrexas, de Mos, Gustavo Barcia, e do Porriño, Pedro Pereira, e polo ex candidato do Bloque á alcaldía pedánea de Bembrive, Roberto Fernández Vila, mantiveron unha xuntanza con representantes de `Bembrive en Pé´ e `Defende Mos´. Todos os cargos institucionais da organización nacionalista trasladaron a oposición do BNG ao proxecto de trazado que contempla o Goberno do Estado para dar continuidade á A-52 entre O Porriño e Vigo pola súa ineficiencia e alto custo ambiental e social.
Comparecencia do Ministro e retirada do proxecto actual
Neste sentido, a frente nacionalista eleva o debate e a súa actuación rexistrando iniciativas tanto no Congreso como no Senado para exixir ao executivo estatal “que retire e deixe sen efecto o proxecto de trazado”. Néstor Rego sinala que se estaría a duplicar unha infraestrutura que terá un elevado impacto territorial, social e ambiental nos municipios de Mos –parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga-, no de Vigo na parroquia de Bembrive, e no termo municipal do Porriño.
“O proxecto que contempla o Ministerio non supón unha alternativa realista e eficaz e no implica unha mellora na seguranza e a vertebración da área de Vigo” afirma o deputado do BNG. O ministro de Transporte e o secretario de Estado de Transporte e Mobilidade Sustentábel, anuncia Néstor Rego, deberán comparecer a petición do BNG na Comisión de Transporte do Congreso.
“A opción formulada polo Ministerio non resolverá o problema senón que se inverteran inxentes cantidade de diñeiro nunha infraestrutura que terá unha grave afección territorial, social e ambiental” denuncia Néstor Rego.
Alternativas máis sustentábeis, eficientes e racionais
“O Ministerio debe realizar un novo estudo de alternativas que inclúa unha solución baseada na liberalización das peaxes da AP-9 e incluíndo todas aquelas actuacións de mellora de conexións, concretamente entre a AP-9 e a A-52, que permitan lograr unha solución máis sustentábel, eficiente, racional e con menor afección” demanda o deputado do BNG. Neste sentido, Rego tamén inclúe a necesidade de que o Goberno axilice as actuación para a mellora da A-55, permitindo que se reduza a súa elevada sinistralidade –tal e como vén demandando o BNG en reiteradas iniciativas- e a mellora da seguranza viaria.
Todo isto, conclúe Néstor Rego, seguindo unha interlocución institucional e técnica con todas os concellos e parroquias afectadas pola A-52 e na A-55 para definir de maneira participada e dialogada liñas de actuación para mellorar a mobilidade.