O BNG promove unha declaración institucional no Concello de Vigo para reclamar a fin do xenocidio na Palestina

Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo, coa bandeira da Palestina
Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo, coa bandeira da Palestina

A fronte nacionalista pide pendurar a bandeira da Palestina na casa consistorial e convocar de urxencia o Consello Municipal de Cooperación Internacional para acordar un programa de axuda humanitaria, entre outras medidas

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e os vigueses non podemos ficar indiferentes nin en silencio diante do ataque masivo do Goberno de Israel contra da poboación palestina”

O BNG promove unha declaración institucional no Concello de Vigo para reclamar a fin do xenocidio na Palestina

O Bloque Nacionalista Galego promove unha declaración institucional no Concello de Vigo para reclamar en nome das viguesas e vigueses paz e liberdade para a Palestina e a fin do xenocidio. Así o anunciou este xoves o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que considerou “imperativo” despregar esta condena cando se cumpre un mes de ofensiva militar do Estado de Israel contra a faixa de Gaza.

“A absoluta prioridade é lograr un cesar-o-fogo inmediato e incondicional dos ataques, así como a urxente apertura de corredores humanitarios seguros para poder asistir á poboación palestina”, afirmou Igrexas sobre o contido da declaración, lembrando que os bombardeos xa se cobraron máis de 10 mil vidas palestinas (4 mil delas crianzas), foron destruídos a metade dos fogares en Gaza e preto do 70% da poboación viuse forzada a se desprazar, con máis de medio millón de persoas refuxiadas en condicións infrahumanas.

“As viguesas e os vigueses non podemos ficar indiferentes nin en silencio diante do ataque masivo do Goberno de Israel contra da poboación palestina”, valorou o portavoz nacionalista. “É por iso que condenamos de maneira enérxica e rotunda esta agresión xenocida contra o pobo palestino que supón un claro crime contra a humanidade de acordo ao Dereito internacional, tal e como sostén de maneira inequívoca o primeiro fiscal xefe da Corte Penal Internacional, Luis Moreno Ocampo”, recolle a declaración institucional.

O documento chama tamén a iniciar unha negociación política con respaldo internacional para unha saída pacífica, xusta e estábel do conflito, que se basee no estrito cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, reiteradamente vulneradas polo Estado de Israel. Ademais, demanda o xulgamento do goberno de Benjamín Netanyahu na Corte Penal Internacional por delitos de lesa humanidade e censurar a posición da Unión Europea, especialmente a actuación de Úrsula von der Leyen que, como Presidenta da Comisión Europea mais sen ter autoridade nin lexitimidade para o facer, comprometeu o apoio incondicional ao Goberno israelí.

No mesmo sentido, a declaración proposta polo Bloque esixe ao Goberno español que abandone as “posicións equidistantes” e que condene con rotundidade a actuación de Israel e rompa relacións diplomáticas con este Estado “en caso de non cesar na súa política xenocida”. No relativo á axuda humanitaria, económica e social con destino á poboación palestina, demanda un maior esforzo tanto do Executivo español, como da Xunta de Galiza e do propio Concello de Vigo.

Accións a nivel municipal

A fronte nacionalista propón tamén a nivel local que se despregue a bandeira da Palestina no Concello de Vigo en mostra de solidariedade, así como pendurar unha faixa co lema “Paz e liberdade para a Palestina, paremos o xenocidio en Gaza”. Aliás, chama a convocar de maneira urxente o Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade para acordar un programa de axuda humanitaria, sufragado con fondos municipais, en auxilio da poboación palestina. 

O BNG promove unha declaración institucional no Concello de Vigo para reclamar a fin do xenocidio na Palestina