Xabier P. Igrexas: “Cantas persoas máis teñen que malmorrer en Vigo para que Xunta e Concello actúen?”
O BNG lamenta a aparición dunha persoa falecida durante o desaloxo forzoso de dous inmóbeis na rúa Fisterra, a 13ª empobrecida morta na cidade en infravivendas ou na rúa este ano
Reclama despregar xa unha enérxica política de vivenda pública e atención social fronte á vulnerabilidade, na liña da moción formulada pola fronte nacionalista no último Pleno municipal e que foi rexeitada polo PSOE de Caballero e o PP de Fernández-Tapias
O Bloque Nacionalista Galego lamenta a aparición dunha persoa morta este mércores durante o desaloxo forzoso de dous inmóbeis na rúa Fisterra, a 13ª empobrecida que falece en Vigo durante o último ano en infravivendas ou na rúa. “Cantas persoas máis teñen que malmorrer na mellor cidade para vivir para que Xunta de Galiza e Concello de Vigo actúen?”, cuestionou a ese respecto o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que sinalou a ambas administracións como responsábeis por “acción e omisión”.
“Esta situación, xunto ao tráxico incendio na rúa Afonso X, volve deixar en evidencia a falla de respostas dos Gobernos galego e local fronte ao gravísimo problema de acceso social á vivenda e fronte ás situacións de vulnerabilidade na maior cidade de Galiza”, criticou o portavoz nacionalista, lembrando que estas 13 persoas faleceron sen ter unha vivenda digna nunha urbe con máis de 20 mil pisos baleiros.
Igrexas asegurou que estes problemas “poden e debe ter solucións”, na liña do defendido polo propio BNG cunha moción no último Pleno do Concello de Vigo e que foi rexeitada polo PSOE de Abel Caballero e o PP de Marta Fernández-Tapias. Unha moción na que, entre outras medidas, a fronte nacionalista urxía dotar a cidade dun parque de vivenda pública con alternativas habitacionais “dignas e estábeis” para as persoas empobrecidas, así como reforzar a atención social nunha cidade con máis 60 mil persoas en risco de exclusión e pobreza, segundo o índice Arope.
Sobre as persoas desaloxadas, o voceiro do Bloque afirmou que “merecen de moito máis que unha cama no albergue ou apenas dunha habitación de hostal por uns poucos días ou semanas”, en referencia á actuación do Concello de Vigo nas rúas Fisterra e Afonso X. Nese sentido, Igrexas asegurou que “o momento de actuar é agora para que a morte que hoxe lamentamos sexa a derradeira”.