O BNG demanda que calquera nova axuda a Barreras se condicione a que haxa presenza pública no seu accionariado e dirección

carmela

A deputada, Carmela González, instará a vindeira semana no Parlamento galego que a Xunta actúe para blindar a continuidade da actividade e do emprego no estaleiro.

Xabier P. Igrexas: “Vendo como o capital privado, coa súa nefasta xestión, cada pouco tempo nos empurra ao mesmo abismo, xa é hora de apostarmos por un sector naval público ou semipúblico na ría de Vigo”.

O BNG demanda que calquera nova axuda a Barreras se condicione a que haxa presenza pública no seu accionariado e dirección

O Bloque Nacionalista Galego demandará a vindeira semana no Parlamento galego que a Xunte actúe diante das “turbulencias” que atravesa Barreras para blindar a actividade e o emprego. No entanto, a fronte nacionalista reclama que calquera posíbel inxección de recursos públicos para blindar o estaleiro, tanto por parte da administración autonómica como do Estado, estea condicionada a que haxa participación pública directa tanto no accionariado como no Consello de Administración.

A deputada do BNG, a viguesa Carmela González, defenderá o vindeiro mércores unha proposición non de lei na comisión de Industria do Parlamento galego, coa que tencionan que a Xunta adopte medidas perante as novas dificultades que atravesa Barreras.

“O BNG xa expresamos hai varias semanas a nosa preocupación diante das turbulencias que atravesa Barreras pouco máis de 5 meses despois da entrada de Ritz Carlton. As informacións que apuntan a que a dirección do estaleiro non está a cumprir os acordos de refinanciamento, o feito de que arestora só haxa 200 persoas traballando no Evrima, ou que haxa movementos da empresa para demandar máis diñeiro público acenden todas as alarmas”, explicou.

González esixe que a Consellaría de Industria deixe de actuar como “unha convidada de pedra”. “A Xunta de Feixóo non pode asubiar como se non pasase nada. Hai que tomar medidas que garantan a continuidade da actividade e do emprego, e que eviten que a industria auxiliar volva pagar o pato da mala xestión do estaleiro”, demandou.

Intervención pública

Para o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, esta nova crise en Barreras visa “a incapacidade do capital privado para poñer en marcha e desenvolver as enormes potencialidades dun sector estratéxico para Vigo, a súa comarca e o conxunto de Galiza, como é a construción naval”.

“Non pasaron nin seis meses desde que Ritz Carlton tomase o control do estaleiro e se fixera coa maioría das accións, e agora volvemos ver como se incumpren os acordos coa industria auxiliar –a quen se lle adebedan 20 millóns de euros–, non hai novos pedidos formalizados en carteira e a compañía volve pedir que se lle inxecten máis recursos públicos”, relatou.

Igrexas advertiu de que “non podemos continuar co vello modelo de salvar as contas metendo nos petos dos accionistas privados diñeiro público a fondo perdido”. Neste sentido, o nacionalista demandou que calquera intervención de  Xunta ou Estado, se condicione á presenza pública no accionariado e dirección da empresa. “Vendo como o capital privado, coa súa nefasta xestión, cada pouco tempo nos empurra ao mesmo abismo, xa é hora de apostarmos por un sector naval público ou semipúblico na ría de Vigo”, remachou o concelleiro. 
 

O BNG demanda que calquera nova axuda a Barreras se condicione a que haxa presenza pública no seu accionariado e dirección