O BNG demanda que se informe na Xerencia de Urbanismo da elaboración do novo PXOM de Vigo

vigo
vigo

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, solicitou que se incorpore un punto na orde do día da próxima reunión do Consello da Xerencia de Urbanismo.

Denuncian a opacidade coa que o Goberno municipal xestiona o urbanismo.

O BNG demanda que se informe na Xerencia de Urbanismo da elaboración do novo PXOM de Vigo

Cando se vai cumprir un ano da adxudicación dos traballos de elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, Bloque Nacionalista Galego demanda que se informe da situación na que se atopan eses traballos. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, solicitou formalmente que se incorpore un punto na orde do día na próxima xuntanza do Consello da Xerencia de Urbanismo para dar conta do estado dos traballos, detallando tamén se se puxo en marcha algún mecanismo de participación para recoller achegas e suxestións do tecido asociativo. Tamén demandan que se presente un cronograma actualizado para coñecer os prazos reais que manexa o equipo redactor.

Esta petición prodúcese despois de que no Pleno extraordinario de onte a concelleira de Urbanismo, María José Caride, anunciase que antes de finalizar este ano disporase dun primeiro borrador do PXOM. “Para o BNG é fundamental que se dea conta do que se está a facer, despois de que xa transcorreu un ano de que se adxudicase a elaboración” explicou Igrexas. O portavoz nacionalista denunciou que “nada se sabe de que se está a facer e nunca, desde que son membro do Consello da Xerencia de Urbanismo, se informou de nada sobre o novo PXOM”.

Desde a fronte nacionalista poñen o foco no escurantismo do proceso de redacción, dado que non se ten constancia de que se teña iniciado ningún contacto co tecido asociativo. “Están elaborando, presuntamente, un novo PXOM nos despachos, de costas á cidade, sen falar con ninguén, sen contar nin co co tecido asociativo e os diferentes sectores, nin coa veciñanza”, lamentou Igrexas.

O edil do Bloque advertiu da necesidade de “aprendermos colectivamente da anulación do PXOM de 2008”, apuntando que “se queremos que a cidade teña un PXOM que dure no tempo e permita planificar o desenvolvemento da cidade, é imprescindíbel o máximo consenso e sen participación nin transparencia non poderá habelo”.

Transparencia

Na procura de transparencia tamén demandan que se cumpran os estatutos da Xerencia de Urbanismo que, no seu artigo 8.5, recolle que as reunións do Consello teñen que ser abertas aos medios de comunicación.

“Os Estatutos din que se ten que convidar expresamente a todos os medios de comunicación da cidade e sabemos que non se fai, que nin se lles convoca nin se lles achega as ordes do día, o que impide que os e as xornalistas poñan luz nunha cuestión tan importante como a xestión urbanística”, reprochou Pérez Igrexas.

O BNG demanda que se informe na Xerencia de Urbanismo da elaboración do novo PXOM de Vigo