O BNG denuncia que a cesión do paseo de Bouzas está paralizada desde febreiro e critica as mentiras de Caballero
O concelleiro, Xabier P. Igrexas, deu conta da resposta por escrito do servizo provincial de Costas na que se sinala que o expediente de cesión está paralizado desde o pasado 8 de febreiro ao non ter o Concello achegado a documentación necesaria para a súa tramitación.
A formación nacionalista di que "xa abonda de mentiras e de incompetencia" e reclama que o proxecto de reforma do paseo se elabore contando coa participación da veciñanza da Vila de Bouzas.
O Bloque Nacionalista Galego denunciou esta mañá que a cesión do paseo de Bouzas, anunciada como "inminente" polo alcalde o pasado mes de xaneiro, fica paralizada desde o 8 de febreiro por non ter achegado o Concello a documentación que se lle requiriu pola Dirección Provincial de Costas.
Así se recolle na resposta oficial remitida polo Xefe do Servizo Provincial de Costas a unha consulta realizada polo concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas. No escrito explicítase que desde esa data até a actualidade o expediente de cesión fica paralizado na súa tramitación. Neste sentido, sinala que o único que achegou o Concello foi un escrito de solicitude asinado polo concelleiro Javier Pardo e un "plano en tamaño DIN A3 sen escala". “A día de hoxe, a tramitación da concesión solicitada atópase paralizada á espera da recepción da documentación requirida“, conclúe o escrito.
Con base nesa resposta, Igrexas cualificou de "trapallada" a xestión municipal e lamentou as reiteradas "mentiras" do alcalde, que durante meses afirmou que a cesión "xa estaba practicamente feita" e anunciou en reiteradas ocasións que se ía presentar o proxecto, a última vez a inicios do pasado setembro. "Non hai nin cesión, nin proxecto, nin nada. A única xestión municipal foi fabricar titulares falsos e mentiras para agochar unha xestión chafalleira", reprochou o edil nacionalista. "Xa abonda de mentiras e de anuncios que non se cumpren, non se pode seguir tomando o pelo ás viguesas e aos vigueses", demandou.
A formación nacionalista insta o Goberno municipal a abordar con "seriedade e solvencia" a reforma para que o paseo de Bouzas poida volver ser disfrutado pola veciñanza da cidade cando xa transcorreu máis dun ano do seu feche. Aliás, demandan que na súa elaboración se conte coa participación do tecido asociativo.