O BNG demandará explicacións no Parlamento galego pola morte dun doente nunha ambulancia do 061 sen asistencia sanitaria

WhatsApp Image 2021-09-22 at 17.02.24

Denuncian a insuficiente dotación de ambulancias na área de Vigo e esixen que se poña fin aos reforzos "ilegais" con ambulancias que non están equipadas para atender emerxencias en ruta.

O BNG demandará explicacións no Parlamento galego pola morte dun doente nunha ambulancia do 061 sen asistencia sanitaria

WhatsApp Image 2021-09-22 at 17.03.52VIGO, 22 de setembro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego interpelará o conselleiro de Sanidade, o popular Julio García Comesaña, en relación á morte o pasado xoves dun doente cando era trasladado nunha ambulancia do 061 que non contaba co persoal sanitario necesario para asistilo. A fronte nacionalista xa advertira o pasado mes de agosto da insuficiencia de dotacións e de que o Sergas estaba optando por reforzos discrecionais, botando man de empresas que non garanten as condicións preceptivas para actuar en emerxencias sanitarias.

A deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, compareceu esta mañá en Vigo, acompañada polos deputados Paulo Ríos e Carmela González, e mais do concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, após de manteren unha xuntanza do delegado sindical da CIG no sector das ambulancias, Óscar Graña.

Prado anunciou que no vindeiro Pleno do Parlamento interpelará o Consello para reclamar "luz e taquígrafos" a respeito das circunstancias que envolveron o falecemento do doente pero tamén para aclarar en que condicións se está a prestar o servizo de transporte sanitario urxente na área de Vigo. Após se coñecer que a ambulancia mobilizada contaba só co persoal condutor, pero ningún técnico sanitario de emerxencias nin os medios necesarios para brindar asistencia, a deputada afirmou que estariamos diante dun "desenlace fatal perfectamente evitábel"."Non foi un accidente sen máis", remarcou.

Desde o BNG demandarán tamén unha "rectificación urxente" da política sanitaria da Xunta do Partido Popular nomeadamente no referido ao transporte sanitario terrestre de emerxencia, urxindo o reforzo estábel con medios propios o servizo de ambulancias do propio 061 e demandando inspeccións para fiscalizar en que condicións se está a prestar o servizo de transporte urxente.

FALTAN AMBULANCIAS

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que o pasado mes de agosto xa advertiran publicamente da insuficiencia de ambulancias do 061 para atender a cidade e área de Vigo, e tamén dos risco que supuña reforzar puntualmente o servizo con ambulancias que non se adecuaban ás condicións mínimas esixidas.

Igrexas explicou que na actualidade a cidade conta con 6 ambulancias de soporte vital básico durante o día, 3 en horario nocturno, e apenas 2 de soporte vital avanzado. A constatación por parte do Sergas da falla de ambulancias levou a aplicar reforzos discrecionais "sen proceso de licitación ningún" a ambulancias da empresa Coexam que polas súas características non están habilitadas para atención sanitaria en ruta. "Unha de cada tres ambulancias do 061 para Vigo está nestas condicións", alertou.

O concelleiro incidiu en que esta situación verifica na práctica como "as políticas de recorte sanitario aplicadas polo Partido Popular poñen en risco a saúde". Por iso, demandou ao Goberno galego que "deixe de xogar coa vida das persoas".

AMBULANCIAS SEN PERSOAL SANITARIO

O delegado da CIG no sector das ambulancias, Óscar Graña, subliñou a gravidade de que estean a utilizarse ambulancias que non contan coa dotación sanitaria necesaria para prestar o servizo. A este respeito, explicou como as ambulancias de tipo A, que só contan con persoal condutor, pero sen técnicos sanitarios de emerxencias nin enfermería ou médico, non poden realizar asistencia sanitaria en ruta, de acordo coa normativa vixente en Galiza.

"O 061 non pode reforzar a atención de emerxencias con ambulancias que non teñen persoal sanitario", reprochou, considerando que o falecemento da semana pasada foi "evitábel".

O BNG demandará explicacións no Parlamento galego pola morte dun doente nunha ambulancia do 061 sen asistencia sanitaria