O BNG de Vigo denuncia a “total incerteza” sobre a tramitación do novo PXOM
A fronte nacionalista advirte de que un mes despois da aprobación inicial inda non se sabe cando iniciará o proceso de información pública para as alegacións veciñais.
Xabier P. Igrexas: “Asistimos a unha total falla de rigor, de responsabilidade e de incapacidade na xestión por parte do Goberno municipal nunha cuestión tan importante como é a tramitación do novo Plan Xeral”
O Bloque Nacionalista Galego denunciou a “total incerteza” que paira sob a tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, dado que inda non hai unha data concreta para o inicio do proceso de exposición e información pública que permitirá a formulación de alegacións pola veciñanza. A fronte nacionalista tamén alerta de que inda non se executaron as medidas prometidas pola concelleira de Urbanismo de cara a reforzar a Xerencia para facilitar a exposición pública do novo Plan.
“A piques de se cumprir un mes desde a aprobación inicial do novo PXOM, no Pleno extraordinario do 26 de agosto, nada se sabe sobre cando e como se vai iniciar o proceso de exposición pública para que as viguesas e vigueses poidan trasladar as súas alegacións ao Plan”, explicou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Sobre esta cuestión Igrexas interpelou a concelleira, María José Caride, na última Xerencia Municipal de Urbanismo, sen obter unha resposta concreta, a pesar de que estaba inicialmente previsto que o proceso se iniciase o pasado 20 de setembro.
Houbo tamén “indefinición e vaguidades”, segundo o nacionalista, en relación ao grao de execución e posta en marcha de medidas comprometidas pola propia Caride de cara á exposición pública. “Inda non se materializaron as necesarias contratacións para reforzar con máis persoal a Xerencia, non sabemos cando vai estar operativo o espazo anunciado no Auditorio Mar de Vigo para exposición do PXOM e o rexistro de alegacións, tampouco hai información sobre o aplicativo informático para facilitar a consulta da veciñanza, nin se remitiron os xogos de planos ao tecido asociativo para permitir a información nos barrios e parroquias”, lamentou, sinalando que o propio BNG sigue á espera de que se lle faga entrega de copias impresas da cartografía solicitadas hai varias semanas.
“Asistimos a unha total falla de rigor, de responsabilidade e de incapacidade na xestión por parte do Goberno municipal nunha cuestión tan importante como é a tramitación do novo Plan Xeral”, remachou Igrexas.