O BNG demandará no Parlamento galego apoio da Xunta para evitar a marcha do Marisquiño de Vigo

marisquiño

A deputada, Alexandra Fernández, demandará explicacións pola falla de apoio do Goberno galego a un evento de tanta relevancia para a cidade e o País.

A fronte nacionalista denuncia o veto do PSOE que impediu que no Pleno do Concello de Vigo desta mañá se debatese unha moción de urxencia sobre a continuidade do festival.

Xabier P. Igrexas: “Do que se trata é de impedir a marcha do Marisquiño de Vigo non de que o alcalde monte o seu propio ‘Abeliño’”

O BNG demandará no Parlamento galego apoio da Xunta para evitar a marcha do Marisquiño de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego demandará no Parlamento galego que a Xunta actúe para evitar a marcha do Festival ‘O Marisquiño’, que vén de anunciar a decisión de abandonar a cidade de Vigo por falla de apoio institucional. A fronte nacionalista denuncia o veto do PSOE que impediu que se debatise unha moción de urxencia sobre a continuidade do festival e rexeita a “ocorrencia” do alcalde ao anunciar outro evento semellante para 2022.

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Alexandra Fernández, cualificou de “noticia pésima para a cidade de Vigo e especialmente para a súa mocidade”, o anuncio da entidade promotora do festival de deporte e cultura urbana ‘O Marisquiño’ de non celebrar a edición 2021 e de abandonar a cidade de Vigo, onde sediaba desde o ano 2001.

Fernández anunciou que xa rexistrou iniciativas para levar esta cuestión ao Parlamento co obxecto de urxir tamén á Xunta de Galiza a actuar para evitar a marcha deste evento, de grande relevo internacional, da cidade olívica. “O BNG reclamamos que desde xa todas as administración implicadas, e tamén a Xunta de Galiza, actúen para evitar que O Marisquiño marche”, explicou.

A deputada nacionalista inscribiu a situación creada arredor do Marisquiño no “proceso de debilitamento do panorama cultural da cidade” do que responsabilizou ao desleixo de Xunta e Concello. Un devalar que, segundo Fernández, queda verificado no feito de que Vigo volvese quedar fóra do ranking de cidades segundo a calidade e innovación da súa programación cultural en 2020, recollido no Informe Anual do Observatorio da Cultura elaborado pola Fundación Contemporánea.

O PSOE veta a moción no Pleno de Vigo

A fronte nacionalista criticou con dureza o veto do PSOE vigués que impediu esta mañá o debate e votación dunha moción urxente do Bloque arredor da continuidade do Marisquiño. Unha posición que o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou de “surrealista” toda vez o propio PSOE rexistrara a primeira hora da mañá unha emenda á moción nacionalista.

“Non sabemos se foi unha decisión de última hora do alcalde para evitar que se debatese este tema, pero entendemos que a negativa  a discutir deixa en evidencia a febleza do Goberno municipal que non ten argumentos que expliquen que a falla de apoio institucional por parte do Concello poida provocar a saída do principal evento internacional que se viña celebrando na cidade desde 2001”, reprochou.

Non a un ‘Abeliño’

Para Igrexas o anuncio de Abel Caballero de que o Concello promoverá un evento análogo ao Marisquiño para agosto de 2022 é “unha ocorrencia ofensiva”. “Do que se trata é de impedir a marcha do Marisquiño da cidade non de que o alcalde monte o seu propio ‘Abeliño’”, defendeu.

O edil nacionalista cre que o único motivo que está detrás da retirada de apoio municipal ao festival é que o alcalde considera que non ten nel o protagonismo que quixera. “A Caballero gostaríalle ser no Marisquiño o centro de atención como o é na cabalgata de Reis, nos concertos de Castrelos ou no Nadal de record Guiness. É todo por afán de protagonismo. Se en lugar dun festival foran unhas olimpiadas el querería ser o pebetero”, ironizou.

Desde a fronte nacionalista anuncian que seguirán demandando o apoio de todas as administraciónns para garantir a continuidade do Marisquiño en Vigo. 

O BNG demandará no Parlamento galego apoio da Xunta para evitar a marcha do Marisquiño de Vigo