O BNG reclama en Vigo medidas de apoio ao sector das perruquerías, barberías e centros de estética

perruquerias01

A deputada e portavoz de Comercio do BNG, Carmela González, urxe a rebaixa do IVE ao 10% para evitar o feche de estabelecementos e critica que PSOE  e Unidas Podemos votasen en contra desta medida na tramitación dos orzamentos xerais do Estado.

A fronte nacionalista demanda tanto de Xunta como de Concello que se despreguen axudas directas adaptadas a un sector que xa acumula perdas do 50% da súa facturación.

Xabier P. Igrexas: “Non se entende que o Goberno municipal de Abel Caballero queira destinar case 3 millóns de euros a subvencionar aeroliñas privadas pero que dedique cero euros a axudar ao tecido comercial da cidade”

O BNG reclama en Vigo medidas de apoio ao sector das perruquerías, barberías e centros de estética

O Bloque Nacionalista Galego volveu reclamar que se despreguen medidas efectivas de apoio ao sector das perruquerías, barberías e centros de estética. A deputada e portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego, Carmela González, e mais o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, mantiveron un encontro esta mañá na cidade olívica con representantes da plataforma “Crer en Nós” que aglutina ao sector.

perruquerias04No encontro, González, reiterou o total apoio do BNG á demanda de que se reduza o IVE que se aplica no sector ao 10%, lembrando que a fronte nacionalista xa se opuxo en 2012 ao incremento até o 21% imposto polo Partido Popular. A deputada lamentou que tanto PSOE como Unidas Podemos rexeitasen a emenda formulada polo BNG, a través do deputado Néstor Rego, aos orzamentos xerais do Estado na que se instaba a volver aplicar o IVE reducido. “Sorprende que haxa forzas políticas que dicían e din que coinciden con esta reivindicación pero que despois á hora de tomar a decisión votan en contra do sector”, afeoulles.

A deputada nacionalista tamén defendeu a “necesidade urxente” de que desde a Xunta de Galiza se despreguen axudas directas que estean adaptadas ao sector. “O que constatamos é que as perruquerías non puideron optar até o momento a practicamente ningunha axuda polos requisitos que se impoñen. Por iso temos que insistir en que as axudas se formulen de maneira dialogada cos sectores implicados”, defendeu.

González alertou da situación crítica que atravesa o sector en Galiza, que pasou de ter 10.000  estabelecementos en 2012 a 7.160 en 2020, case un terzo menos. Un devalar que afectou tamén de maneira grave en termos de emprego, coa destrución nos últimos oito anos de case 4 mil postos de traballo.

Falla de apoio do Concello de Vigo

perruquerias03Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou a falla de apoio do Concello a un sector que na cidade e a súa área representa a preto de 700 estabelecementos. “Falamos nun 90% de pequenas e medianas empresas, en moitos casos formas de autoemprego das propias profesionais no que 8 de cada 10 son mulleres”, explicou.

“As perruquerías son, canda a hostalaría, un dos sectores máis castigados a consecuencia das restricións sociosanitarias e tamén dos efectos brutais da crise social e económica que provocou a pandemia. Por iso desde o BNG non podemos comprender a negativa reiterada do Goberno municipal de Abel Caballero a axudalo”, reprochou.

Igrexas advertiu da “situación dramática” que atravesan estes estabelecementos na cidade, indicando que, segundo datos do propio sector, xa rexistran perdas por acima do 50% da súa facturación, 1 de cada 5 ten traballadores/as en ERTE en un 40% xa tivo que despedir algún empregado/a. “Hai un dato estarrecedor: o 46% das perruquerías, barberías ou centros de estética prevén ter que fechar definitivamente durante os vindeiros 6 meses”, subliñou.

Desde o BNG insisten na necesidade de que o Concello de Vigo despregue un programa de axudas directas ao tecido comercial, incluíndo o sector das perruquerías, e rexeitan a teimosía do executivo local por facer que Vigo sexa a única cidade galega na que non se puxo en marcha ningunha medida de apoio real. A este respeito, Igrexas, lembrou que desde o inicio da pandemia reclaman a posta en marcha dunha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego e que xa demandaron destinar parte dos remanentes a un programa de axudas directas dotado, como mínimo, con 10 millóns de euros.

“O Goberno de Abel Caballero non pode seguir virándolle as costas a un sector no que a ameza de feche afecta a case un de cada dous estabelecementos. Non se entende que queira destinar case 3 millóns de euros a subvencionar aeroliñas privadas pero que o Concello dedique cero euros a axudar ao tecido comercial da cidade”, remachou. 

O BNG reclama en Vigo medidas de apoio ao sector das perruquerías, barberías e centros de estética