O BNG denuncia a actitude prepotente da dirección de Citröen
O BNG quere facer pública denuncia da actitude prepotente da dirección de Citröen ao impedir a entrada á factoría ao concelleiro do grupo municipal do BNG de Vigo, Xabier Alonso.
Esta visita tiña por obxecto poder ter un encontro cos compañeiros en folga de fame para informase do seu estado de saúde, darlles ánimos, e trasladarlles todo o apoio do BNG nas súas lexítimas reivindicacións.
Dende o BNG aproveitamos para trasladar, unha vez máis, a nosa solidariedade cos dous traballadores, membros da sección sindical da CIG en PSA-Citröen, en folga de fame.
Por último, lembrar que dita acción ten por finalidade reivindicar melloras nas condicións laborais dos traballadores e traballadoras da empresa e esixir a readmisión dos dous compañeiros afiliados da CIG despedidos de forma inxusta e arbitraria, nunha actuación sen precedentes por parte desta empresa.