O pleno rexeita a moción do BNG que reclama o recoñecemento do dereito a decidir dos pobos
Iolanda Veloso subliña que para o Bloque non é compatible a monarquía cun sistema democrático e que para o BNG cómpre iniciar un proceso constituínte no que Galiza sexa referente
Vigo, 30 de xuño de 2014.- Cos votos de PSOE e PP o pleno vigués rexeitou a moción presentada polo BNG na que se reclama o inicio dun proceso constituínte onde as nacións sexan o referente político para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que o conforman. Na defensa do texto sobre o dereito a decidir, a voceira municipal Iolanda Veloso destacou que para o Bloque é importante que se inicie un proceso constituínte no que Galiza sexa referente.
Segundo explicou Iolanda Veloso, esta moción vén ao fío da abdicación do xefe do Estado español imposto polo ditador e a continuidade do réxime monárquico no seu fillo, Felipe VI. Ao BNG non lle vale este baile de caras porque para nós a monarquía non é compatible cun sistema democrático, destacou.
A portavoz municipal do Bloque criticou a operación cosmética que se está desenvolvendo co obxectivo de salvar o réxime monárquico, que está moi cuestionado pola cidadanía, sinalou ao tempo que criticou a continuidade do réxime centralista no que a monarquía é o garante desa unidade.
Críticas ao PP e ao PSOE
Iolanda Veloso criticou que na súa intervención o PSOE non se posicionara sobre a monarquía e que a súa vez o PP non fixera uso do seu tempo de intervención. É moi sintomático que o PP non interveña e que o PSOE non se posicione sobre a monarquía, comentou.
Fixo referencia asemade ás palabras do portavoz socialista nas que se acusaba ao BNG de falta de madurez política por traer ao pleno este debate sobre a organización do Estado. Se madurez política é volverse monárquicos nós non queremos esa madurez e seguiremos defendendo ao noso país e reclamando ao goberno da Xunta o que consideremos, manifestou ao respecto.
A voceira nacionalista expresou a súa sorpresa por que o PSOE se defina como republicano mentres se posiciona a favor da monarquía e mantén a mesma posición que o PP sobre o dereito de autodeterminación. Falamos de palabras maiores, como autodeterminación e proceso constituínte porque é o que necesita o noso país, concluíu.
Emenda sobre o laboratorio no novo hospital
O BNG presentou unha emenda sobre sanidade a unha moción socialista esixindo á consellería de Sanidade que dote ao novo hospital de Vigo dos laboratorios clínicos de microbioloxía, hematoloxía e inmunoloxía. Esta proposta foi rexeitada cos votos do Partido Popular, igual que outra emenda nacionalista na que se reclamaba que a Xunta reforzase a infraestrutura de I+D especializada.