O BNG denuncia as elevadas retribucións do PSOE na Entidade Local Menor de Bembrive malia a “grave” situación económica da pedanía
A fronte nacionalista rexeita os salarios aprobados no Pleno de Organización diante da “preocupante” situación que atravesa a institución tras sucesivos casos de corrupción e dunha xestión “nefasta” dos Gobernos socialistas
Roberto Fernández Vila, voceiro do BNG en Bembrive: “Xa son demasiados anos de desgoberno e de malgasto mentres a parroquia continúa no abandono”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia as elevadas retribucións do Goberno socialista na Entidade Local Menor (ELM) de Bembrive. A fronte nacionalista rexeita os salarios aprobados no Pleno de Organización, celebrado este pasado mércores, diante da “grave” situación económica que atravesa a institución tras sucesivos casos de corrupción e dunha xestión “nefasta”.
“Dende o BNG temos que lamentar que o PSOE insista nas prácticas caciquís”, afirmou o voceiro do BNG en Bembrive, Roberto Fernández Vila, quen asegurou que xa son “demasiados anos de desgoberno e de malgasto” por parte dos socialistas, a quen afeou que sigan utilizando a Entidade Local como o seu “cortello” mentres a parroquia queda no abandono.
Fernández Vila esixiu nese sentido unha rectificación do PSOE para garantir a viabilidade da ELM e comezar co urxente saneamento das súas contas. “Teñen que poñer dunha vez por todas as necesidades das veciñas e veciños de Bembrive fronte aos seus intereses particulares”, advertiu o voceiro nacionalista, que chamou a “abrir un tempo novo” na institución para deixar atrás o “triste récord de corrupción” con 20 anos de inhabilitación e varios de prisión entre os dous últimos alcaldes pedáneos do PSOE.
Así, o portavoz do BNG en Bembrive cualificou de “inaceptábel” que a alcaldesa, Patricia Otero, se asigne un salario de 15 mil euros, xunto cunha dedicación exclusiva de 30 mil para o vogal de Montes e outra de 12 mil para a tenente de alcalde. Outro dos puntos críticos para a fronte nacionalista ten a ver coas indemnizacións por asistencia dos vogais (de 450 euros por Pleno para un gasto total de 10 mil euros anuais) que é máis do que cobran por sesión plenaria no Concello de Vigo, de 360 euros.
“Especialmente ofensivo é o caso do vogal de Montes”, subliñou Fernández Vila, que asegurou que pese a ser o monte o principal motor económico da parroquia, este leva anos “abandonado sen políticas que permitan potencialo e valorizalo para xerar riqueza local”.
Dende a fronte nacionalista advertiron ademais de que estas retribucións suporían gastar unha parte “moi significativa” da achega económica que realiza o Concello de Vigo á ELM. Unha contribución que, alertou o voceiro nacionalista en Bembrive, depende dun convenio caducado dende 2021 e que urxe renovar para garantir a continuidade da institución.