O BNG denuncia que os orzamentos da Xunta insisten no abandono co que o PP castiga Vigo desde hai unha década

xabier p

Xabier P. Igrexas: “Estas contas desatenden necesidades urxentes, demoran a posta en marcha de proxectos importantes e queren perpetuar o modelo privatizador e de recortes que converteu a principal cidade de Galiza na zona cero da desfeita sanitaria”

A fronte nacionalista traballa xa en emendas para esixir un aumento substancial do investimento nas contas de 2022, que responda ás demandas veciñais, como un novo instituto no barrio de Navia, así como á grave crise industrial e laboral que atravesa Vigo.

O BNG denuncia que os orzamentos da Xunta insisten no abandono co que o PP castiga Vigo desde hai unha década

VIGO, 21 de outubro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego denunciou este xoves a política de abandono coa que o PP continúa a castigar Vigo, nunha primeira valoración do proxecto de orzamentos presentado pola Xunta de Galiza. Unhas contas que para a fronte nacionalista insisten nos erros da última década coa cidade ao non reforzar os servizos públicos e querer perpetuar o modelo privatizador e de recortes que converteu Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria” en Galiza.

“Estes orzamentos desatenden necesidades urxentes, demoran a posta en marcha de proxectos importantes e queren perpetuar o modelo privatizador e de recortes que converteu a principal cidade de Galiza  na zona cero da desfeita sanitaria”, salientou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que apuntou que xa traballan para emendar as contas e esixir un aumento substancial do investimento de 2022 para a cidade.

Nesa liña, apuntou a urxencia de dotar dun novo instituto ao barrio de Navia, unha reivindicación histórica da veciñanza e que foi unha reiterada promesa electoral do PP. “O único que recolle nos seus orzamentos é unha partida ridícula e insultante de apenas 50.000 euros para elaborar un proxecto que xa debera terse feito este ano”, subliñou Igrexas, que adiantou que reclamarán unha partida orzamentaria para 2022 que permita iniciar as primeiras fase para a construción do centro educativo no menor tempo posíbel.

Sen prazas nas escolas infantís

O concelleiro nacionalista en Vigo destacou a ausencia de partidas para ampliar a oferta de prazas públicas de escolas infantís na nosa cidade “cando tres de cada catro solicitudes fican cada curso sen praza”, incidiu Igrexas, ou o anuncio dunha residencia de maiores, comprometida desde o ano 2009, da que aínda nada se sabe.

Recordou ademais algunas das infraestruturas necesarias e que ignoran os orzamentos presentados polo PP, como a posta en marcha do túnel de Xulián Estévez ou a prolongación do túnel de Beiramar ata Bouzas, entre outras actuacións.

Cronifican a privatización sanitaria

“Estas contas queren cronificar esta política sanitaria de recortes, de privatización, que converteron a área sanitaria de Vigo na verdadeira zona cero da desfeita sanitaria”, denunciou Igrexas, que engadiu que “o PP quere seguir a destinar 200 millóns de euros de diñeiro público cada ano para encher os petos da concesionaria privada, titular do Hospital Álvaro Cunqueiro, e tamén da dirección privada de Povisa”.

Por estes motivos, deixou clara a posición de compromiso do BNG con Vigo e a súa área que, considerou, “merecen e precisan dun hospital 100% público, e acabar tamén con esta sanidade de dúas velocidades, apostando decididamente pola absorción na rede pública do hospital Povisa”.

O concelleiro do BNG en Vigo criticou a actitude dos principais cargos populares na cidade como Corina Porro, a concelleira Teresa Egerique ou a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias por “celebrar de maneira irresponsábel uns orzamentos que insisten na negativa frontal a reforzar os servizos públicos que son titularidade da Xunta na nosa cidade”. 

Respostas ante a crise industrial e laboral

Igrexas demandou ademais unha resposta firme ante a situación de grave crise industrial, produtiva e laboral que atravesa a cidade de Vigo que, na súa opinión, estes orzamentos non enfrentan, en especial en sectores estratéxicos como o caso do naval. “A día de hoxe en Vigo hai por volta de 10.500 postos de traballo menos dos que existían na altura do ano 2009”, recordou Igrexas, que chamou a apostar pola innovación e unha maior actividade en ámbitos estratéxicos como a tecnoloxía e as novas comunicacións.

“Trátase polo tanto de acabar con esta política de abandono que practica a Xunta do PP contra a cidade de Vigo e que os orzamentos da Xunta, nun momento tan importante como afrontar esta etapa de recuperación pola pandemia, sexan verdadeiramente útiles e non este cascarón baleiro que apenas ten no interior moito fume con moitos anuncios propagandísticos que o PP ten deseñado nas contas para Vigo”, sentenciou o portavoz municipal do BNG.
 

O BNG denuncia que os orzamentos da Xunta insisten no abandono co que o PP castiga Vigo desde hai unha década