O BNG de Vigo reclama a reapertura do espazo xuvenil Vigosónico tras máis de ano e medio pechado
Xabier P. Igrexas: “O único que fixo o goberno de Abel Caballero nos últimos anos foi baixar as persianas de servizos importantes para a mocidade”
A fronte nacionalista leva meses solicitando que reabran as instalacións, como ocorreu con boa parte dos servizos e actividades municipais.
VIGO, 18 de outubro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego reclamou este luns que reabra o espazo xuvenil do Vigosónico, que pechou as súas portas en marzo de 2020 por mor da pandemia do coronavirus, mais que a día de hoxe continúa ser ter unha data para retomar a súa actividade. Unha reapertura que veñen solicitando nos últimos meses tendo en conta que a maioría dos servizos e actividades municipais xa recuperaron a súa normalidade.
“Non hai xustificación”, insistiu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “O único que fixo o goberno de Abel Caballero nos últimos anos foi baixar as persianas, botar o feche a servizos tan importantes como o programa Súbete o Castro, o Punto Xove e desarticular na práctica o servizo que se prestaba na Casa da Xuventude. E agora ter conxelado, ter baleiro, un espazo como Vigosónico”.
Polas instalacións deste programa, que naceu hai unha década impulsado pola fronte nacionalista desde os gobernos municipal e galego, pasaban cada semana máis de 500 mozas e mozos. Un lugar referencial para a xuventude que prestaba servizo a máis de 80 grupos e bandas musicais da nosa cidade antes do seu peche grazas os seus locais de ensaio, o seu estudo de gravación e un vizoso programa de formación musical.
“O que lle reclamamos o goberno municipal é que deixe de castigar á mocidade de Vigo, que despregue unha política xuvenil que poña fin á desertización do que xa estaba construído”, sinalou Igrexas. “Desde o BNG seguimos insistindo en que hai que recuperar o terreo perdido para volver colocar Vigo na cabeza das cidades galegas no que ten a ver con ofrecer unha verdadeira política para as mozas e os mozos da nosa cidade”.