O BNG denuncia que Vigo só contará con dúas piscinas municipais abertas durante o verán
A fronte nacionalista urxe concretar os prazos para a reapertura da piscina de Teis e pide ampliar horarios no resto de instalacións así como bonificacións ás persoas que se vén obrigadas a desprazarse a outros barrios
Filipe Abalde: “Ao Goberno municipal non lle importa o deporte como demostra a partida ridícula de 270 mil euros para mantemento das instalacións deportivas que, aínda por riba, queda sen exectuar ano tras ano”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que Vigo só contará con dúas piscinas municipais abertas durante o verán. A fronte nacionalista alerta de que nos vindeiros meses a cidade só terá 11 rúas dispoñíbeis para o nado libre e os cursos nas piscinas de Lavadores e Valadares a causa do “desleixo” do Goberno de Abel Caballero coas instalacións deportivas da cidade.
“O BNG trasladamos unha batería de medidas para reverter o abandono e a saturación das piscinas de Vigo, que sofren centos de persoas usuarias na cidade”, salientou o concelleiro nacionalista, Filipe Abalde, quen chamou a aumentar o “ridículo” orzamento de 270 mil euros destinada ao mantemento e mellora das dotacións deportivas. “Faise insuficiente e, ano tras ano, deixa de executarse esta partida malia as carencias en moitas instalacións”, valorou.
Abalde reclamou así coñecer os prazos concretos para a reapertura da piscina de Teis, pechada dende hai máis de dous anos a causa dun incendio, após anunciar o Goberno municipal a licitación para a redacción do proxecto de reforma en agosto de 2023. “Hoxe 9 meses despois nada se sabe da obra”, lamentou, lembrando que o barrio tamén perdeu a piscina da ETEA após ser tapiada en 2017.
O concelleiro do BNG advertiu de que as 1.500 persoas usuarias de Teis levan meses obrigadas a se desprazar a outras instalacións da cidade, provocando a saturación como na piscina de Lavadores, moi por riba das ratios recomendábeis. Por ese motivo, demandou estudar bonificacións nos abonos para compensar estes desprazamentos.
Sobre a piscina de Lavadores, Abalde asegurou que as instalacións están “obsoletas” con pingueiras continuas e vestiarios insuficientes onde “falta o máis mínimo como o papel hixiénico e xabón durante semanas”, e con numerosas queixas pola falla de rúas dispoñíbeis para o nado. Diante desas carencias, propuxo ampliar os horarios das piscinas e convenios con outras instalacións para aumentar a oferta de prazas.
Mesma situación se repite na piscina das Travesas, agravada polo incendio que deixou impracticábel o ximnasio da zona de seco que empregaba o Club Naútico Rías Baixas, e que estará pechada todo xullo e agosto por “motivos técnicos”, segundo o Concello.