O BNG de Vigo critica o veto de PSOE e PP a unha declaración institucional da Plataforma Cívica pro Dereitos do Pobo Palestino
O BNG denuncia o veto por parte dos grupos municipais do PSOE e do PP a unha declaración institucional da Plataforma Cívica pro Dereitos do Pobo Palestino, que agrupa diferentes entidades sociais, sindicais e políticas, que foi trasladada polo BNG á Xunta de Portavoces para incorporar na orde do día do vindeiro Pleno municipal de xuño, previsto para este luns 24.
Unha proposta de declaración institucional que buscaba que o máximo organismo de representación democrática da cidade tomara posición para condenar as accións do exército israelí en Gaza e demandar un alto ao fogo inmediato, non recoñecer a ofensiva militar como xustificada baixo o dereito á lexítima defensa e instar ao Estado de Israel a cumprir coas resolucións de Nacións Unidas e o ditame da Corte Penal Internacional sobre o xenocidio.
Nese sentido, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que é a segunda ocasión na que o Goberno de Abel Caballero veta unha declaración institucional en solidariedade con Palestina, após bloquear a realizada polo BNG ao Pleno de novembro de 2023, así como do seu veto “indigno” a recoñecer o desempeño da UNRWA coa Medalla da Cidade, tamén a proposta nacionalista. “A indiferenza e o silencio tamén son complicidade, non podemos ficar de brazos cruzados diante do xenocidio do pobo palestino”, remachou.