O BNG denunciará no Parlamento galego a problemática laboral na factoría de PSA en Vigo
A deputada, Carmela González, trasladará unha serie de iniciativas para esixir que a Xunta, como autoridade laboral, garanta o cumprimento dos protocolos preventivos, o dereito aos descansos e que non se siga subvencionando con diñeiro público a precariedade laboral.
Os sindicatos CIG e CUT denuncian que se está reducindo o tempo efectivo de descanso, que non se reduciu nin a carga nin o ritmo de traballo e que non hai transparencia na xestión do impacto da Covid no cadro de persoal. Máis do 60% do plantel está contratado a xornada parcial de 4h.
O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá un encontro cos responsábeis das seccións sindicais da CIG e CUT na factoría de PSA en Vigo, Manuel Domínguez e Vitor Mariño. No encontro, no que participaron pola fronte nacionalista o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e –por medios telemáticos– a deputada, Carmela González, abordouse a situación actual na empresa despois da desescalada.
A representación sindical denunciou que a aplicación das medidas preventivas están a supoñer a redución do tempo efectivo de descanso durante a xornada, dado que dentro das pausas fisiolóxicas dedicadas a acudir ao servizo, beber, alimentarse ou refrescarse, teñen que incorporar tamén tarefas de desinfección e padecen as restricións por aforo no acceso a espazos como os aseos. Aliás, trasladaron a súa queixa pola non adecuación das cargas e ritmos de traballo a esta nova realidade e a falla de transparencia, por parte da dirección do centro, no relativo aos casos positivos por Covid19 entre o persoal.
“Non é aceptábel que PSA pretenda atinxir producións de recordo a costa de limitar a eficacia das medidas preventivas e reducindo o tempo de descanso, que xa é o mínimo legal. Tampouco é razoábel que neste contexto non se teñan reducido as cargas de traballo e que se estea a traballar con igual ou maior ritmo que antes da pandemia”, afirmou a deputada Carmela González.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, lembrou que PSA “remoloneou á hora de reaccionar diante da pandemia xa na primeira onda”, sinalando que a factoría viguesa foi a última de todo o Estado en paralizar a produción o pasado mes de marzo, e fíxoo obrigada pola enorme presión sindical, social e institucional.
Precariedade
Outro dos asuntos abordados foi o do elevado nivel de precariade laboral que se padece na factoría de Balaídos, onde segundo os sindicatos non se asina un contrato de xornada completa desde hai moitos anos.
“Non se pode seguir subvencionando a precariedade laboral. PSA é unha das empresas que maiores subvencións, diretas e indirectas, recibe das administracións públicas, e iso non é compatíbel con que máis do 60% do seu persoal estea empregado a tempo parcial, con contratos de 4h pero que esixen na práctica dispoñibiliade completa e con salarios de miseria”, advertiu Igrexas.
Ao Parlamento
O Bloque denunciará estas problemáticas no Parlamento de Galiza a través dunha batería de iniciativas. Con elas procurarán que a Xunta, en tato que autoridade laboral, actúe vixiando o cumprimento das medidas preventivas, a adecuada xestión dos casos de contaxio e o estrito respeito aos tempos de descanso. Tamén demandarán que toda axuda pública se condicione non só ao mantemento e creación de postos de traballo senón á calidade do emprego, para reverter a elevada precariedade.
“Demandaremos explicacións á Xunta e instaremos o Goberno galego a deixar de ollar a outro lado diante desta situación nun centro de traballo tan importante como PSA”, resumiu González.