O BNG de Vigo critica con dureza que o Delegado do Goberno se aliñe con López Veiga contra Vulcano

VULCANO
VULCANO

A fronte nacionalista advirte de que a posición expresada por Javier Losada colida co pactado no acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG, no que se recolle o compromiso do Goberno español para reanudar a actividade en Vulcano.

Xabier P. Igrexas: “Finalizar a concesión portuaria é tanto como asinar a definitiva sentenza de morte de Vulcano. O BNG non o imos permitir e defenderemos con belixerancia e firmeza que queremos un naval con futuro”.

O BNG de Vigo critica con dureza que o Delegado do Goberno se aliñe con López Veiga contra Vulcano

O Bloque Nacionalista Galego rexeitou de maneira contundente a posición adoptada polo Delegado do Goberno español en Galiza, Javier Losada, que a través dun oficio dirixido ao Xulgado do Mercantil vén de reclamar a fin da concesión portuaria de Vulcano, sumándose á posición defendida polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, e que inviabilizaría a recuperación da actividade no estaleiro.

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que o futuro de Vulcano pasa por finalizar o traspaso da unidade produtiva, incluída a concesión portuaria até 2027, poñendo fin ao proceso aberto no Xulgado do Mercantil. “Finalizar a concesión portuaria é tanto como asinar a definitiva sentenza de morte de Vulcano. O BNG non o imos permitir e defenderemos con belixerancia e firmeza que queremos un naval con futuro”, alerta.

Igrexas advertiu que a posición de Losada colida co recollido no acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG, no que se recollía de maneira expresa o compromiso do Goberno español de prestar especial atención ao naval e reanudar a actividade en Vulcano. Emporiso, o edil reclama que o Executivo central desautorice a posición do Delegado do Goberno en Galiza e rectifique esa posición que pode ser “letal” para o estaleiro de Teis.

“Xa estivemos vendo estes meses a inhibición cómplice do alcalde de Vigo que, como lle afeou o Comité de Empresa recentemente, nunca se posicionou de maneira clara en favor de Vulcano, e agora asistimos a como Losada se suma a López Veiga que leva moito tempo poñendo paus nas rodas para evitar que o estaleiro volva funcionar en favor de escuros intereses para utilizar esa superficie para contedores”, criticou, subliñando que o Bloque levan anos defendendo que a construción e a reparación navais son actividades estratéxicas tanto para a cidade e comarca de Vigo como para o conxunto de Galiza.

Nese sentido, Igrexas, que esta mañá conversou sobre esta cuestión co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anticipou que a fronte nacionalista manterá unha posición “firme e belixerante” en favor de Vulcano tamén en Madrid. “Mentres outros queren que o estaleiro pase á Historia, nós queremos un Vulcano con futuro, porque queremos un naval con futuro. Porque sabemos que o futuro de Vigo só pode ser industrial”, remachou.

O BNG de Vigo critica con dureza que o Delegado do Goberno se aliñe con López Veiga contra Vulcano