O BNG esixe que o Concello de Vigo e Xunta fagan do combate das violencias machistas unha prioridade política

A fronte nacionalista defenderá unha moción no Pleno municipal para reclamar aos Gobernos local e galego que multipliquen os recursos e servizos en políticas feministas

Ana Martínez: “Menos discursos e máis recursos é o que reclama o movemento feminista e o BNG así llo queremos trasladar con esta moción á Xunta e ao Concello de Vigo”

¬ Sobre a sesión plenaria, o Bloque condena o bloqueo de PSOE e PP á declaración institucional contra o xenocidio en Gaza e en favor de paz e liberdade para a Palestina

O BNG esixe que o Concello de Vigo e Xunta fagan do combate das violencias machistas unha prioridade política

O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Concello de Vigo e Xunta fagan do combate das violencias machistas unha prioridade política. Así o defenderá a fronte nacionalista cunha moción no vindeiro Pleno municipal, previsto para este luns, na que reclaman cunha batería de medidas que os Gobernos local e galego multipliquen os recursos e servizos destinados a políticas feministas.
 

“Menos discursos e máis recursos é o que reclama o movemento feminista e o BNG así llo queremos trasladar con esta moción á Xunta e ao Concello de Vigo”, destacou a concelleira nacionalista, Ana Martínez, que considerou urxente actuar diante dun contexto de aumento dos feminicidios e de avance dos “discursos negacionistas e banalizadores” da violencia contra as mulleres e os retrocesos impostos pola dereita en diferentes institucións do Estado.

Martínez alertou de que, no primeiro semestre de 2023, rexistráronse case 3.500 denuncias por violencia machista en Galiza, segundo cifras recentes do Observatorio de Violencia do Consello Xeral do Poder Xudicial. No mesmo sentido, subliñou que a Fiscalía de Galiza recolleu máis de 5 mil delitos incoados como violencia de xénero e máis de 1.600 contra a liberdade sexual o pasado ano.

1% do orzamento da Xunta

Ana Martínez, concelleira do BNG de Vigo

A moción do BNG demanda un aumento dos recursos da Xunta até equiparalos, como mínimo, ao 1% do orzamento total. A concelleira nacionalista chamou a unha rectificación do Goberno galego diante dos seus reiterados incumprimentos da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero en aspectos como a atención psicolóxica na atención primaria, así como elevar as contías das prestacións para actualizalas ao incremento da inflación.

Ademais, dende o Bloque lamentaron a falla de avances no protocolo de actuación ante agresións sexuais no lecer nocturno, que leva paralizado dende hai meses malia os anuncios do Goberno de Rueda. En relación ao Centro de Información á Muller (CIM), reclamou un aumento das partidas económicas para garantir tanto o persoal necesario como o desenvolvemento das actividades e programas de prevención.

10 medidas do Concello de Vigo

A concelleira do BNG trasladou tamén un decálogo de medidas para que o Concello de Vigo siga avanzando no alargamento das políticas feministas. Así, esixiu un aumento substancial dos recursos municipais dedicados a campañas de sensibilización contra as violencias machistas, máis alá da campaña anual do 25N. Nesa liña, propuxo despregar un programa específico para a mocidade fronte ás novas formas de violencia de control, dixital e sexual.

Martínez valorou como “imprescindíbel” reforzar con máis medios humanos, materiais e orzamentarios os programas e servizos municipais dedicados á atención, acollemento e apoio das mulleres en situación de violencia machista. Desta forma, chamou tamén a actualizar o Plan Integral do Concello coa participación do movemento feminista e a crear un Observatorio Municipal da Igualdade.

Sobre o Centro Municipal de Información dos dereitos da Muller, dende o Bloque piden garantir a súa apertura e atención por persoal especializado todos os días en horario de mañá e tarde, así como poñer en marcha dous novos centros en Coia e Teis para achegar este servizo a un maior de mulleres. Co mesmo obxectivo, propoñen a posta en marcha dun punto de atención itinerante para dar máis visibilidade aos recursos de apoio ás mulleres.

¬ Bloqueo á declaración institucional contra o xenocidio na Palestina

En relación ao Pleno municipal, a fronte nacionalista condena o bloqueo de PSOE e PP, na Xunta de Portavoces celebrada este mércores, á declaración institucional proposta polo BNG contra o xenocidio en Gaza e en favor de paz e liberdade para a Palestina. “A indiferenza fronte a estes crimes contra a humanidade é complicidade”, afeou nese sentido o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, lembrando que son máis de 16 mil as persoas asasinadas, máis de 5 mil delas crianzas, nos 47 días de “brutais ataques” do Estado sionista de Israel. 

O BNG esixe que o Concello de Vigo e Xunta fagan do combate das violencias machistas unha prioridade política