O BNG reclama garantías de que non se vai repetir o “caos” do pasado Nadal en Vigo
A fronte nacionalista solicita os plans de tráfico e seguridade anunciados por Abel Caballero “confiando en que realmente existan”, cando quedan tres días para o acendido
Propón reforzar o bus urbano e habilitar aparcamentos disuasorios, así como asegurar que o Cíes Market e as atraccións anexas contan cos permisos preceptivos
Xabier P. Igrexas: “O capricho de Abel Caballero de reducir Vigo a un parque temático durante dous meses non pode volver poñer en risco a seguridade das viguesas e dos vigueses, nin pode impedir o dereito á mobilidade e ao descanso”
O Bloque Nacionalista Galego reclama garantías de que non se vai repetir o “caos” do pasado Nadal en Vigo. A fronte nacionalista pregunta o Goberno municipal que medidas vai adoptar para asegurar o cumprimento das normativas de convivencia, ruídos, medio ambiente e patrimonio cultural, así como a seguridade e a mobilidade no centro da cidade, para evitar as situacións de risco de pasadas edicións.
“Cando faltan apenas tres días para o acendido do alumeado inda non coñecemos nada”, criticou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. As nacionalistas denuncian que non recibiron ningunha resposta a estas cuestións na última Comisión Informativa de Festas, nin tampouco hai noticias sobre a “pantomima” do Comité do Nadal anunciado polo alcalde, Abel Caballero.
Igrexas solicitou nese sentido acceso aos plans de tráfico e de seguridade para o Nadal comprometidos polo rexedor “confiando en que realmente existan”. Así, considerou fundamental reforzar “de verdade” o servizo de bus urbano e habilitar aparcamentos disuasorios para evitar a saturación e retencións quilométricas e corrixir as deficiencias no operativo de seguridade, entre outras, as dificultades de paso de vehículos de emerxencia.
“Non se pode repetir ese caos, que converteu o centro da cidade nunha zona intransitábel, insegura e inhabitábel, como lle dixemos o ano pasado: Nadal si, por suposto que si, pero non así”, advertiu o portavoz nacionalista.
“O capricho de Abel Caballero de reducir Vigo a un parque temático para visitantes durante dous meses non pode volver poñer en risco a seguridade das viguesas e dos vigueses, nin pode impedir o dereito á mobilidade e ao descanso”, engadiu.
Permisos Cíes Market e atraccións
Dende o BNG demandaron ademais coñecer se o Cíes Market e as atraccións anexas contan cos permisos perceptivos, tanto do Concello da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, por afectar aos xardíns históricos da Alameda. Sobre este asunto, solicitaron acceso aos informes obrigatorios de impacto acústico, ao plan de autoprotección, o de seguridade da saúde e de emerxencia.