O BNG esixe un plan da Xunta ante a fuga de doentes e que o Consello de Contas fiscalice Povisa
Denuncia o deterioro na atención sanitaria e nas condicións laborais malia un aumento do 20% dos recursos públicos que transfire o Sergas ao centro privado vigués dende 2019
Reclama facer público o actual contrato e transparencia na negociación do novo acordo
Montse Prado: “Os cartos públicos non están indo para unha mellor calidade asistencial”
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir a subvencionar a precarización da sanidade”
O Bloque Nacionalista Galego esixe que a Xunta de Galiza presente de forma urxente o plan para atender ás case 8.000 persoas que solicitaron o traslado do hospital Povisa ao Álvaro Cunqueiro. A fronte nacionalista pide ademais que o Consello de Contas fiscalice o contrato do Sergas co centro privado diante do deterioro na atención sanitaria e nas condicións laborais malia un aumento do 20% dos recursos públicos, até 98 millóns de euros anuais, que recibe dende 2019.
Así o demandou este xoves a deputada e voceira de Sanidade do BNG, Montse Prado, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de manter unha xuntanza co Comité de Empresa. “Seguimos sen coñecer o contrato en vigor e como vai repercutir este traslado de doentes, e hai tamén un total opacidade sobre a negociación do novo acordo”, cuestionou Prado, que anunciou iniciativas no Parlamento galego para volver esixir transparencia do Goberno de Rueda ante a fin do actual concerto en 2027.
Negativa do PP a auditar as contas de Povisa
A deputada nacionalista criticou a “negativa sistemática” do PP ás iniciativas do Bloque para realizar unha auditoría sobre o destino dos recursos públicos en Povisa, que supoñen máis do 80% da conta de explotación do centro privado. “Vemos como avanza a a precarización, unha asistencia sanitaria cada vez peor e unha maior sobrecarga de traballo do persoal que se foi traducindo na fuga de máis de 30.000 persoas adscritas a Povisa nos últimos anos”, subliñou, o que evidencia ao seu xuízo que “canto máis diñeiro público se destina á sanidade privada, peor é a asistencia”.
Dende o BNG sinalaron como mostra deste deterioro a baixa ratio de persoal, inferior ao Sergas malia os recortes da Xunta na rede pública, e a elevada rotación de facultativos no centro privado, con profesionais que viaxan en avión dende outros puntos do Estado para operar a doentes que non coñecen e aos que non van realizar o seguimento, ou a falla de especialistas en áreas como Cardioloxía ou Dermatoloxía.
Máis recursos públicos, peor atención sanitaria
Na mesma liña, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, cualificou de “alarmante” que cada vez se transfiran máis recursos públicos a esta empresa privada sen que iso se traduza nunha mellor atención sanitaria, no reforzamento do persoal e das condicións laborais e salariais.
“As viguesas e vigueses e o conxunto da poboación adscrita a Povisa teñen dereito a recibir cando menos a mesma atención sanitaria que na pública, malia o deterioro imposto pola Xunta do PP”, defendeu Igrexas, denunciando a “anomalía” deste contrato con Povisa por supor “un réxime de dúas velocidades” na atención sanitaria da área de Vigo.
Como exemplo, sinalou que o centro privado ten unha lista de agarda moi superior á rede pública, malia que esta última é a máis elevada de toda Galiza. Criticou a ese respecto que o Goberno galego “premie” a Povisa para axilizar a lista de espera da pública, coa derivación de doentes que se financian con recursos públicos a maiores do contrato.
“O BNG estamos radicalmente en contra de seguir a subvencionar a precarización da atención sanitaria”, subliñou Igrexas. “Non se pode converter a atención sanitaria de máis de 100.000 persoas nunha gran fonte de lucro para o grupo Vivalto Santé, un grupo estranxeiro especulativo que converte a nosa saúde nunha mercadoría coa que facer negocio”, remachou.
Dende a fronte nacionalista insistiron nese sentido na necesidade que o Sergas absorba Povisa na rede pública para poñer fin a esta situación e garantir que toda a poboación da área sanitaria reciba unha atención 100% pública.
