O BNG de Vigo desafía Caballero a abandonar o seu "encastelamento covarde" e convocar o Debate sobre o Estado da Cidade
A fronte nacionalista rexistrará a solicitude para un debate "de verdade" cun formato aberto, plural e cunha quenda de réplicas, e propón que se celebre un sábado pola mañá no Auditorio Municipal para facilitar a participación veciñal
Denuncia que o rexedor vive "encastelado en declaracións enlatadas sen posibilidade de preguntas nin dos xornalistas", mentres Vigo padece un "mandato perdido" con problemas gravísimos en vivenda, transporte, servizos sociais ou o abandono dos barrios
Xabier P. Igrexas: “Democracia é moito máis que votar cada catro anos, esixe diálogo, rendición de contas e vontade de responder ás preguntas que a cidadanía ten”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de anunciar que hoxe rexistrará formalmente a solicitude para a convocatoria do Debate sobre o Estado da Cidade. Unha iniciativa coa que desafía o alcalde, Abel Caballero, a que abandone o seu "encastelamento covarde" e se someta a un exercicio de transparencia e contraste democrático. A fronte nacionalista advirte de que Vigo non pode seguir sendo unha excepción permanente no conxunto das grandes cidades galegas, nas que si se celebran con normalidade debates periódicos sobre a situación municipal.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, sinalou que o Debate sobre o Estado da Cidade "non é un favor que o alcalde lle poida facer ou non á oposición, é unha obriga democrática e unha oportunidade para fortalecer a calidade da vida pública”. “Trátase dun espazo para que a cidade se mire ao espello, para avaliarmos o que funciona, o que non funciona e o que cómpre corrixir", acrecentou.
Para o portavoz municipal nacionalista, resulta "incomprensíbel que Abel Caballero continúe evitando un debate en profundidade sobre a situación real da nosa cidade"sinalando que "non abonda coa propaganda, cos anuncios ou cos monólogos” “Democracia é moito máis que votar cada catro anos, esixe diálogo, rendición de contas e vontade de responder ás preguntas que a cidadanía ten sobre os problemas que segue padecendo a cidade", enfatizou.
Un debate aberto á cidadanía
O BNG non se limita a reclamar a celebración do debate, senón que propón un formato concreto para garantir a súa utilidade e pluralidade. A fronte nacionalista demanda que se celebre un sábado deste mes en horario de mañá no Auditorio Municipal para facilitar a participación da propia veciñanza, como se fai coas sesións de constitución de cada nova Corporación. Propoñen ademais tempos equitativos de intervención e dúas quendas que permitan réplicas de todos os grupos.
"Queremos un debate de verdade, non unha sucesión de monólogos. Queremos que haxa contraste e diálogo, para que as viguesas e vigueses poidan coñecer as diferentes maneiras de comprender Vigo e de darmos resposta ás necesidades da veciñanza", defendeu Igrexas.
O ‘Vigo real’ fronte ao ‘relato oficial’
O portavoz do BNG enumerou os asuntos que, ao seu xuízo, deberían centrar ese debate, falando do pésimo servizo transporte público, do gravísimo problema de acceso social á vivenda, do colapso dos servizos sociais, da insuficiencia de efectivos nos bombeiros, da ausencia de políticas de emprego e fronte a crise produtiva e industrial, do desmantelamento das políticas para a mocidade, da desertización cultural, do permanente arboricidio, do estado lamentábel das instalacións deportivas, da falla de participación cidadá ou o inaceptábel abandono que padecen o conxunto dos nosos barrios e parroquias. “Queremos falar e debater das oportunidades que estamos perdendo por falta de planificación e de ambición, pola falta dun Goberno que goberne", remachou.
Igrexas criticou duramente a actitude do rexedor: "O Alcalde debe abandonar a súa reclusión covarde, encastelado en declaracións enlatadas sen posibilidade de preguntas dos xornalistas ou actos de pura propaganda. A democracia municipal non pode reducirse a un monólogo".
"Non sabemos se o Alcalde terá a coraxe e valentía para defender a súa xestión, pero o BNG si que temos a determinación, os argumentos e sobre todo as propostas para defender que hai unha alternativa en positivo para darlle a nosa cidade o impulso que necesita, sacudindo a inercia do máis do mesmo para construírmos entre todas e para todos o Novo Vigo que queremos e merecemos", concluíu.
