O BNG de Vigo pide acabar co "muro de silencio" co que Caballero desatende as case 41.000 queixas veciñais recibidas este mandato

Encontro veciñal do BNG de Vigo en 2025
Encontro veciñal do BNG de Vigo en 2025

A fronte nacionalista reclama a constitución da Comisión Especial de Queixas e Suxestións, informes trimestrais ao Pleno sobre a atención das reclamacións e unha Carta de Compromisos coa Cidadanía

Denuncia que desde o 2017 a Valedoría da Cidadanía non presenta o seu informe anual e a política de “xordeira autoritaria e represión” contra os movementos sociais e o tecido asociativo

Xabier P. Igrexas: “Este volume brutal de queixas son a demostración de que o Goberno de Abel Caballero non goberna e fica reducido a un gabinete de propaganda e autobombo, que anuncia e promete pero que non fai”

O BNG de Vigo pide acabar co "muro de silencio" co que Caballero desatende as case 41.000 queixas veciñais recibidas este mandato

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demandou este luns acabar co "muro de silencio" co que o Goberno municipal de Abel Caballero desatende as case 41.000 queixas e reclamacións presentadas pola veciñanza desde o inicio do actual mandato. Segundo os datos oficiais recollidos nos expedientes municipais, o Concello de Vigo recibiu un total de 40.605 queixas desde xuño de 2023, unha cifra que para a fronte nacionalista evidencia a crecente insatisfacción cidadá e a falta de resposta ás necesidades reais da cidade.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que este volume de reclamacións "constitúe unha emenda á totalidade á xestión do Goberno local" e denunciou que unha parte moi importante destas demandas veciñais non reciben resposta nin solución efectiva por parte do Concello.

"Este volume brutal de queixas, que na súa inmensa maioría non son atendidas nin contestadas, son a demostración de que o Goberno de Abel Caballero non goberna e fica reducido a un gabinete de propaganda e autobombo, que anuncia e promete pero que non fai”, reprochou.

O portavoz nacionalista salientou que esta cifra nin sequera inclúe as reclamacións tramitadas a través da Valedoría da Cidadanía, organismo que non presenta o seu informe anual perante o Pleno desde o ano 2017. Unha situación que, ao seu xuízo, agrava a falta de control e transparencia sobre a atención que reciben as peticións da veciñanza.

Falla de resposta ás necesidades reais

Igrexas sinalou que o elevado número de reclamacións esta provocado pola situación que padecen numerosos servizos e espazos públicos da cidade e evidencian o total abandono que padecen os barrios e parroquias. Entre os principais motivos das queixas sinalan o deterioro de instalacións municipais, as reiteradas incidencias no abastecemento de auga, a falta de limpeza e mantemento de rúas e espazos públicos, o mal estado do medio natural, as deficiencias do transporte urbano ou as demoras para realizar trámites diante da administración municipal.

A este respecto, criticou que o Concello dispoña de máis recursos económicos que nunca mentres persisten problemas que afectan directamente á calidade de vida da veciñanza.

"Non hai campaña publicitaria capaz de ocultar o Vigo real que viven todos os días miles de persoas. A cidade non pode seguir funcionando coa política do ‘vuelva usted mañana’ mentres os problemas se acumulan e as reclamacións quedan sen atender", reprochou.

O portavoz nacionalista vinculou esta situación coa elevada inexecución orzamentaria municipal, lembrando que o Concello deixou sen gastar 137 millóns de euros durante o exercicio de 2025.

Iniciativas de control

Co obxectivo de mellorar a atención cidadá e reforzar os mecanismos de control democrático, o BNG volverá reclamar a constitución da Comisión Especial de Queixas e Suxestións, órgano de carácter obrigatorio que, de maneira ilegal, non foi creado neste mandato como xa acontecera no anterior. Para a fronte nacionalista, este organismo permitiría fiscalizar de maneira máis eficaz a xestión das reclamacións veciñais e coñecer o nivel real de resposta do Concello ás demandas cidadás.

Ademais, o Bloque demandará que o Goberno municipal presente informes trimestrais diante do Pleno, como máximo órgano de representación democrática da cidade, sobre o número de queixas recibidas, o seu estado de tramitación e os prazos de resolución, de maneira semellante á información periódica que se facilita sobre a execución orzamentaria.

Xunto a estas medidas, o BNG propón a elaboración dunha Carta de Compromisos coa Cidadanía que estableza prazos máximos para tramitar e responder as reclamacións veciñais, así como mecanismos de seguimento que permitan coñecer en todo momento o estado de cada solicitude.

"As viguesas e os vigueses teñen dereito a unha administración que escoite, responda e resolva. Non abonda con rexistrar as queixas, o Concello ten a obriga de atendelas e dar explicacións. É hora de derrubar ese muro de silencio co que Caballero lle vira as costas á veciñanza", concluíu Igrexas.

O BNG de Vigo pide acabar co "muro de silencio" co que Caballero desatende as case 41.000 queixas veciñais recibidas este mandato