O BNG esixe ao PP que deixe de xogar coas institucións de Vigo como os seus “pendellos para apoltronar cargos”
A fronte nacionalista censura que os populares utilicen o Porto e a Delegación da Xunta como “unha especie de senados locais nos que ter en reserva os seus cadros fracasados”
Xabier P. Igrexas: “Sería inxustificábel que por segunda vez a candidata do PP á alcaldía de Vigo fuxa do seu desempeño na oposición para se garantir un mellor postiño”
O Bloque Nacionalista Galego esixe o Partido Popular que deixe de xogar coas institucións de Vigo como os seus “pendellos para apoltronar cargos”. A fronte nacionalista censura que os populares utilicen a Autoridade Portuaria e a Delegación da Xunta como “unha especie de senados locais nos que ter en reserva, con importantes retribucións, os seus cadros fracasados”.
Así o denunciou este mércores o futuro portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que considerou “indecente” o baile de nomes no PP para ocupar estes postos. Nese sentido, interpelou á candidata do PP, Marta Fernández-Tapias, para que aclare se vai tomar posesión da súa acta como concelleira ou, pola contra, se vai “atrincheirar” na Delegación da Xunta ou nalgunha Secretaría Xeral, como se está a rumorear nos últimos días.
“En termos democráticos sería inxustificábel que por segunda vez a cabeza de lista do PP na cidade fuxa do seu desempeño na oposición para se garantir un mellor postiño”, advertiu Igrexas, que asegurou que esta decisión suporía unha “nova estafa” ao seu propio electorado.
Xabier P. Igrexas: “O Concello de Vigo non é un segundo prato, as viguesas e os vigueses non merecen ese desprezo”