O BNG de Vigo ponse en marcha co obxectivo de ser a alternativa na primeira cidade galega
A Comisión Permanente do Consello Local valora “moi positivamente” os resultados atinxidos que permitiron triplicar a representación institucional no Concello de Vigo e quedar a menos de 7 votos por mesa de lograr a cuarta acta
A fronte nacionalista comeza a planificar o traballo de cara ao novo mandato no que intensificará, aínda máis, a iniciativa política e multiplicará o traballo “a pé de rúa” para o que mobilizará a toda a militancia da organización local
Xabier P. Igrexas: “Na noite electoral dixemos que non nos conformabamos con este resultado, porque o que queremos é sumar a máis viguesas e vigueses que soñan cun Vigo diferente para facermos posíbel a mudanza que precisa a nosa cidade”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo recolle o impulso recibido nas urnas o pasado 28 de maio para poñerse en marcha “desde xa” co obxectivo de ser a alternativa política na primeira cidade galega. Así o vén de definir a Comisión Permanente do Consello Local, que onte se reunía apenas 24 horas despois dunha xornada electoral que se traduciu nun importante salto adiante da fronte nacionalista triplicando a representación institucional no Concello de Vigo.
O órgano executivo do BNG local valorou moi positivamente os resultados atinxidos que fixeron do BNG a forza que máis subiu na cidade. Da análise en detalle do escrutinio, as nacionalistas poñen en valor o feito de ter sido segunda forza en 41 mesas electorais e tamén o importante voto recibido nas parroquias e o apoio decisivo da mocidade. Aliás, subliñan que, malia as dificultades que supón o sistema D’Hont, o BNG quedou a menos de 7 votos por mesa de lograr un cuarto asento no salón de Plenos.
O candidato á Alcaldía e futuro Portavoz do Grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, fixou que o obxectivo deste mandato ten que ser o de “avanzar moito máis”. “Nos últimos catro anos, cun único concelleiro, fomos quen de nos referenciar como a verdadeira oposición, pero unha oposición construtiva e con propostas", asegurou.
"Agora, co empurre das máis de 15 mil persoas que votaron BNG o pasado 28M imos traballar para sermos de novo unha forza determinante e converternos na alternativa das moitas viguesas e vigueses que saben que Vigo merece máis e que queren abrir un tempo novo na maior cidade de Galiza”, afirmou, tendendo a man tamén ás case sete mil persoas que ficaron sen representación, pola inxusta exclusión do 5%, e aquelas que malia ter unha posición crítica co actual Goberno municipal non acudiron a votar este domingo.
Xabier P. Igrexas: "Non imos perder nin un minuto e comezamos a traballar desde xa, a pé de rúa, facendo política coa xente e entre a xente, intensificando a nosa iniciativa política e estreitando inda máis o noso contacto e cooperación cos movementos sociais”
“Na noite electoral dixemos que non nos conformabamos con este resultado, porque o que queremos é sumar a moitas máis viguesas e vigueses que soñan cun Vigo diferente para facermos posíbel a mudanza que precisa a nosa cidade” remachou.
Planificar o novo mandato
A xuntanza da Comisión Permanente serviu para comezar a planificar traballo do vindeiro mandato, tanto no que ten a ver na organización do futuro Grupo municipal como tamén na definición das liñas de actuación. Unha tarefa que será completada polo Consello Local e pola Asemblea de militantes da fronte nacionalista que se celebrarán nos vindeiros días.