O BNG esixe transparencia a Caballero sobre o reequilibrio de Vitrasa e que actúe xa ante a ruptura das negociacións
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, urxe o alcalde a convocar “hoxe mesmo” a sindicatos e dirección de Vitrasa para iniciar unha verdadeira negociación que desbloquee o conflito, e demanda abrir un expediente sancionador contra os “graves incumprimentos” da empresa
O Bloque Nacionalista Galego esixe transparencia o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sobre o reequilibrio económico da concesión de Vitrasa. Así o vén de demandar este mércores o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois de que se confirmara que a Oficina Nacional de Avaliación do Ministerio de Facenda non vai a emitir ningún informe, e que foi utilizado como “coartada” polo Goberno local para denegar de maneira “ilegal” o acceso do Bloque ao expediente da nova indemnización á concesionaria de bus urbano.
A fronte nacionalista solicita a convocatoria urxente da Comisión de Fomento e Servizos para que o Goberno municipal “dea a cara e deixe de ocultarse” sobre esta cuestión. “O BNG temos coñecemento de que se está a tramitar con hermetismo e opacidade este expediente de reequilibrio, que conlevará unha modificación dos orzamentos municipais para indemnizar a Vitrasa”, denunciou Igrexas, quen adiantou que o importe que valora o Concello vai ser menos da metade dos 31 millóns de euros solicitados pola empresa.
O portavoz nacionalista reprochou que Caballero presentara esta indemnización como a solución ao conflito, en días previos ao inicio da folga que dura xa 96 días, cando en realidade “todo apunta que non vai resolver nada para alén de engordar cuns cantos millóns de euros máis os petos da empresa concesionaria”.
Actuación do alcalde tras a ruptura das negociacións
Dende o BNG chamaron tamén a que o alcalde de Vigo actúe xa diante da ruptura das negociacións por parte da dirección de Vitrasa que, a xuízo das nacionalistas, volve colocar o conflito nun “caleixón sen saída”. Por este motivo, urxen a que Caballero convoque hoxe mesmo á representación sindical e á empresa a unha xuntanza que permita iniciar unha verdadeira negociación para desbloquear a folga.
“A empresa volve demostrar que non ten ningunha intención de avanzar cara a unha solución, e faino desde a comodidade que lle brinda a complicidade do Goberno municipal.”, valorou Igrexas sobre a ruptura das negociacións. Nese sentido, demandou a apertura dun expediente sancionador polos “graves incumprimentos” da concesionaria de bus urbano. Entre eles, destacou o voceiro nacionalista, que a empresa só teña renovado 29 dos 71 autobuses que se recollían na prórroga de 5 anos, facendo que hoxe a flota de Vitrasa teña 22 autobuses que superan a idade máxima e outros 19 a punto de superala.